miércoles, 14 de diciembre de 2011

CLAUSTRO DO 13 DE DECEMBRO DE 2011

É salientable o déficit democrático que ven caracterizando ao noso reitor e adláteres. Onte, no Claustro do informe anual, quedou moi reflectido. Logo dunha intervención do reitor Mato de la Iglesia de case unha hora de tempo, na que amosou unha elocuencia digna dun párroco rural, o voceiro de Nova Universidade, Xaime Cabeza, retrucoulle por non máis de vinte minutos criticando o labor e a executoria do seu equipo no último ano. Ao que, airado, respondeu que o informe anual non era “o debate do estado da Nación”. Para logo amosar pouca capacidade de encaixe na resposta. Por desgraza, a súa actitude provocou que o único comentario ao informe anual fose o do voceiro de Nova Universidade.

Nova Universidade quere lembrarlle á Comunidade Universitaria que o dereito fundamental á libertade de expresión está na cerna do máis esencial do noso sistema de valores. E que o dito dereito inclúe as expresións desabridas e que poidan molestar, como expresa o noso Tribunal Constitucional. O único límite é que non abrangue o dereito ao insulto. E quere lembrarlle, por outra banda, que o Claustro debería de ser o órgano supremo da vida universitaria nunha institución democrática. Mágoa que, logo de xuño do 2010, estos valores se lle esqueceran aos membros do equipo de Goberno de Alternativa Universitaria.

Por suposto, Nova Universidade seguerá a exercer o seu dereito á crítica construtiva. Lamenta o pouco espazo de debate do claustro e a escandalosa diferenza dos tempos consumidos nas exposicións do goberno –exposicións que ademáis evidenciaron a escasa capacidade comunicativa que lles caracteriza- e o espazo que, nun ambiente de pouco recoñecemento da liberdade de expresión, se lles deixa aos e ás claustrais.

O monólogo do vicerreitor de planificación verbo das liñas estratéxicas e orzamentarias, ademáis de soporífero, resultou manifestamente sesgado. Outra vez, baixo o oropel de grandes proxectos institucionais, quedan esquecidas as necesidades da maioría da comunidade universitaria. Baixo a alegación de que o plan de finanzamento da Xunta é bon para a Universidade de Vigo por favorecer a competitividade, se negan as necesidades básicas para sermos competitivos…agás uns poucos, herdeiros universais das vizosas colleitas de AU. Para eses poucos si que o plan de finanzamento é esencialmente bon, como o son todas as políticas moi pouco redistributivas.

Finalmente: ao día seguinte do noso Claustro, o mesmo órgano da Universidade de Santiago votou en contra  das liñas xerais dos seus presupostos. A diferenza entre un órgano colexiado e o outro –o de Vigo e o de Santiago- pon de manifestó que o da nosa Universidade irmá ten dereito a reprobar as liñas xerais orzamentarias e nós non. A calidade democrática dunha entidade e da outra queda perfectamente reflectida. É certo que a diferenza ten xustificación nas comperenzas que os Estatutos dunha e doutra Universidad lles confiren aos cadanséus claustros. Pero a literalidade da norma permitiría, con todo, unha lectura máis democrática, na que o Claustro fora algo máis que un receptáculo de información. A excelencia tamén vai na democracia, sr. reitor!

viernes, 18 de noviembre de 2011

EVIDENCIAS DOS DESEQUILIBRIOS

Sen dúbida, os dous asuntos máis salientables do Consello de Goberno do luns 14 novembro foron a aprobación dos criterios e do procedemento de promoción ao corpo de catedráticos/as de Universidade e a aprobación dos criterios de cómputo da carga docente básica en titulacións de grao.
No que se refire ao primeiro deles, a normativa que presentou o equipo de Goberno –e que saiu co exclusivo voto en contra dos membros de Nova Universidade, alén de tres abstencións- é absolutamente regresiva. Ate o luns, se non había oco por cadro de persoal –isto é, se non había unha ratio inferior ao 25 por 100 de persoal consolidado catedrático nunha área de coñecemento- había que ter tres sexenios para que unha persoa acreditada como CU obtivese a saída a concurso dunha cátedra. O bodrio que se aprobou o luns deixa todo en mans dunha decisión anual verbo do número de cátedras que han saír cada ano. Hai evidentes razóns para oporse a esta medida, básicamente as que seguen:
1) UVigo ten unha percentaxe moi baixa de CU no seu cadro de persoal. Se o óptimo para estar na media serían 250 catedráticos/as, estamos a 100 de chegar ao dito óptimo. Nestas condicións, adiantar medidas restritivas non é lóxico.
2) O número de cátedras é, desde logo, un indicio de calidade, que parece que despreza a nosa institución.
3) O acceso ao corpo 0500 é parte do dereito á promoción profesional do PDI de Universidades, que o Consello de Goberno lamina por escuras consideracións, xa que deixa de haber criterios obxectivos, máis ou menos ríxidos, que unha persoa ten que cumplir para ter dereito á convocatoria da cátedra. O esforzo en cátedras pasa a ser contixente da ¿vontade? política da maioría de turno.
4) Desde logo, os e as TU van ter poucos incentivos para traballar arreo e para “suar a camiseta”, como quere a verborrea salustiniana.
5) AU non quere presentar un plano xeral de aforro de custes en capítulo 1 na época de crise económica, senón que presenta medidas illadas, sen que se poida facer unha listaxe de prioridades ordenada. Nestas condicións, a dúbida é que capítulos manteñen e que capítulos non e por que.
6) En fin, sen abondar máis nesta laminación de dereitos, o argumento da conxelación da masa salarial bruta non é máis que un mantra xustificativo, porque precisamente estaría excluído un convincente plan de incentivos, como admiten expresamente as leis orzamentarias. E, aínda que así non  fose, habería que priorizar o aforro e manter unha política estrutural como é a converxencia no número de catedráticos/as coa media do Reino de España. En resumo, esta decisión é toda unha paráfrase do respeto que ten AU polas carreiras profesionais na UVigo, respeto do que PDI e PAS somos vítimas conxuntas.

No segundo tema –criterios do cómputo da carga docente básica en titulacións de grao- a postura do grupo en Consello de Goberno foi votar en branco. Convén explicar esta decisión. Desde logo, non nos gusta a fórmula empregada nen o resultado. A fórmula parte de facer un castelo no ar, sen fixar criterios previos, como tiña que ser a aprobación do Regulamento de Profesorado ou a fixación dunhas bases do que tiña que ser a relación de postos de traballo –RPT- de PDI. A fórmula é restritiva, teledirixida á finalidade de que apenas salan prazas de déficit. É dicir, faise a fórmula a partir do resultado e non á inversa. O que pode saír é un monstro, especialmente perigoso ante as afiadas tesoiras do goberno de Feijóo.
 Porén, hai elementos de cambio que hai que valorar. O primeiro deles é o establecemento dun criterio que permite facer un cálculo do número de PDI necesario en cada centro. É un traballo ímprobo, que hai que recoñecerlle a Margarita Estévez e ao seu equipo. Un traballo que estaba pendente desde que comezó a andaina de Domingo Docampo como reitor. Catorce anos máis tarde, a aprobación dun criterio obxectivo de carga docente básica pon ás craras a nefasta executoria dos sucesivos equipos de AU en materia de profesorado, co establecemento de desequilibrios inaceptables entre áreas de coñecemento que agora a fórmula aprobada deixa ás claras, incluso en intensidades máis amplas do que cabía pronosticar. É o recoñecemento explícito de que UVigo leva catorce anos á toa en temas de profesorado. Ademáis, converxe co noso programa noutro aspecto: en que a carga básica de grao é unha parte da carga básica total para o cálculo do PDI estable necesario. Xa que logo, hai que aprobar carga básica de posgrado e carga básica doutras actividades correspondentes ao PDI. Outra vez, AU vese na obriga de recoñecer explícitamente a tolemia de como se implantaron  os posgraos en Vigo da man do nefasto goberno de Alberto Gago. A este respecto, o reitor Mato de la Iglesia comprometeuse á pregunta de NU a que neste curso se presentarían a Consello de Goberno os criterios de carga básica de posgrao, alomenos. E comprometeuse asemade ao comezo inmediato dos traballos para a aprobación do Regulamento de Profesorado. Nestas condicións, pareceunos oportuno apostar por unha abstención crítica, para esixir que se afonde neste proceso de clarificación. Por moi pouco rigorosos que sexan os criterios que se están a empregar.

Por certo, adxuntamos ao blog un cadro coa proxección na maioría dos centros –todos dos que temos dados concretos- da fórmula de carga docente básica en termos de exceso o defecto de profesorado consolidable. Os números falan por si sós de dúas ideas básicas:
1) desequilibrios abafantes.
2) Pouco respeto de AU polo labor docente do PDI, que se contabiliza sempre con criterios extremadamente restritivos. A lectura deste cadro produce vergoña allea. Por certo, ten unha pequeña marxe de erro –non máis do 10 por 100- derivada de que non temos números exactos verbo das taxas de abandono e de fracaso.
PREGUNTAS NOVA

O noso representante no eido de Investigación, Armando Caballero, fixo algunhas preguntas na sesión de Consello de Goberno do pasado luns 14 de novembro.

  • Hai uns días a Vicerreitora de Profesorado comunicounos as instrucións da Xunta para a impartición dos másteres oficiais para o próximo curso. Estas instrucións son moi inquietantes porque restrinxen a impartición de másteres a aqueles que teñan un mínimo 20 alumnos matriculados en setembro (quizais en xullo). A Xunta parece non darse conta de que os másteres son docencia especializada, non de masas, polo que é lóxico que non haxa moitos alumnos.
Cos datos da matrícula actual só uns poucos (10?) cumprirán ese requisito, e a maioría dos 85 másteres non se poderán impartir o próximo curso.

Isto implica:
(1)   Que os alumnos terá unha oferta formativa moitísimo menor para elixir.
(2)   Que os alumnos que non poidan matricularse nun máster terán que facelo noutro do ámbito, implicando unha masificación destes últimos.
(3)   Que se hai límites máximos nos másteres sobreviventes, algúns alumnos poden quedar sen praza de máster.
(4)   Que nalgún ámbito sinxelamente é posible que non sobreviva ningún máster polo que os alumnos non poderán matricularse de máster.
(5)   Por último, que todo o traballo desenvolvido polos profesores que organizaron másteres nestes últimos anos vén abaixo. Pasamos da estratexia "cantos máis másteres mellor" a "cantos menos mellor".

Sabemos que o reitorado está a tentar que a aplicación desta norma aprácese até o curso 2012-13 e queremos saber como están estas xestións.

  • Por outra banda, e xa referidos aos novos másteres que se implanten de aquí en diante, que serán a maioría se se mantén o requisito de 20 alumnos, as instrucións impoñen uns requisitos onde as palabras empresa, contorno socioeconómico, orientación laboral, demanda laboral, competencias profesionais, etc. abundan. Que os másteres teñan aplicacións laborais está moi ben e é necesario, pero, ¿que pasa cos másteres de investigación básica en calquera dos ámbitos?
Pasamos de másteres investigadores, académicos e profesionalizantes, a só investigadores e profesionalizantes, e por último a todos profesionalizantes? De novo impídeselle ao alumno que elixa que tipo de máster quere facer.

A pregunta é cal é a postura oficial da Universidade antes este decreto. Vaino a acatar sen máis ou vai loitar por moderalo?

  • Avaliación do VAD. Para o curso 2009-10 os departamentos xa non teñen que considerar as coordinacións dos programas de doutoramento porque pasaron ao ámbito da Facultade. Tampouco a entrega de actas de doutoramento, etc. Esa avaliación pasa agora ás Facultades, pero tívose en conta na petición do VAD?


    Engádese táboa coas duas últimas columnas da análise sobre o PDI da UVigo.

    lunes, 3 de octubre de 2011

    Consello Goberno 30.09.2011

    Nova Universidade preguntou polo feito de que houbese certos retrasos nas convocatorias da vicerreitoría de Investigación, que en palabras de Jaime Cabeza, “parece sacar cada convocatoria a cuentagotas”.

    Preocupámonos tamén de certos problemas na xestión das listas de agarda que producen que ao final haxa que recurrir a invitacións. E lembrámoslle ao reitor que xa estaba ben de falar de "gobernanza externa" e que xa tocaba entrar de cheo neste curso académico na estrutura de centros, departamentos e goberno da nosa Universidade.

    Eliminación da vicerreitoria de Investigación en Ourense

    Nova Universidade amosou inquedanza ante o feito que novamente se retira autonomía ao campus ourensán. Quixemos saber cal é a xustificación real da eliminación desa vicerreitoría en boca do noso representante Armando Caballero, despois de que durante a campaña “se nos vendera a idea de que se establecia como forma de descentralizar a xestión e de potenciar a investigación en Ourense”.

    A escusa do aforro poderá ser real ou non pero en calquera caso non parece convincente e os investigadores de Ourense estarán defraudados de que se elimine unha vicerrectoría que supostamente tiña como obxectivo fortalecer a investigacion nese campus.

    Por outra banda, Nova Universidade fixo fincapé no feito de que a unha semana vista do inicio do curso académico houbese cambios de data no día de apertura do curso académico. Pois aínda que sexa culpa dunha decisión da Xunta, instamos a que se siga facendo presión para que se establezan as datas con máis antelación.

    Tamén preguntouse sobre o rumor de que a Universidade de Vigo podería asumir ás escolas de enfermaría, ao que o reitor contestou que a proposta está sobre a mesa e vaise a analizar dende os diversos puntos de vista (económico, académico, ...) co que o resultado dependerá da capacidade de chegar a acordos cos axentes implicados.

    lunes, 25 de julio de 2011

    Consello Goberno 21.07.2011

    NU abstense sobre o Plan de xubilación e esixe que se presente unha proposta de axuste completo e non medidas illadas

    As medidas de axuste concretas non convencen a Nova Universidade que insta o equipo de Goberno a que presente un plan global de axuste económico. Neste punto da modificación do plan de xubilación Alejandro Pereira tomou a palabra e en nome de NU anunciou a abstención a pesar de que se asuma a situación de crise xeral e a redución, por este motivo, no plan de xubilación. Estas medidas deberían coñecerse no marco dun plan conxunto que nos permita coñecer de antemán a situación económica da universidade evitando na medida do posible a incerteza que nos depara os próximos meses. A esta demanda o vicerreitor de Asuntos Económicos responde, como non podía ser doutra forma, que non había motivo para a preocupación pois están a preparar un plan de sustentabilidade.

    Outra das intervencións de NU produciuse no punto do regulamento de libre mobilidade a través do noso representante Enrique Barreiro, quen solicitou que a supervisión de aceptación dos plans de convalidación sexa unha competencia e responsabilidade do centro e non da persoa encargada de asuntos internacionais.

    En rogos e preguntas Enrique Barreiro novamente interveu solicitando a elaboración dunha normativa xeral de avaliación, neste sentido responde o vicerreitor de Alumnado que lle parece unha boa idea pero que agora mesmo “están desbordados”.

    Pola súa banda Alejandro Pereira roga que se cumpra o acordo anterior sobre o cumprimento das 30 horas dos profesores exceptuando os membros do equipo de goberno, xa que hai coñecemento de que existen aproximadamente 25 profesores con carga lectiva igual a 0 horas. Neste sentido tamén roga que se poida consultar o POD do profesorado desta Universidade tal como podíase facer anteriormente desde os departamentos, dado que a dirección dos mesmos debe poder acceder á información sobre as horas de ocupación de cada un dos docentes.

    Comisión de investigación 21.07.2011

    AVALIACIÓN DA PRODUCCIÓN CIENTÍCA
    Representante NU: Armando Caballero Rúa
    Potenciación das áreas xurídico-social e humanística.
    A potenciación das áreas xurídica-social e humanística foi o eixo temático da última reunión da comisión de investigación. Tras catro horas de debate acordouse que os artigos dos ámbitos sinalados, con menor presencia en bases de datos internacionais, serían avaliados cun índice multiplicador (x2) para incentivar aos investigadores cunha produción científica máis sensible á peculiaridade dos textos non científicos.

    Así mesmo, os traballos publicados nas revistas recollidas nas bases de datos españolas como INRECJ e INRECS consideraranse cunha valoración equivalente ás internacionais A4 sempre que se achen entre as publicacións do primeiro cuartil.

    Nas revistas científicas xa non se puntúa máis á primeira publicación do primeiro cuartil por considerarse unha situación conxuntural e outorgarase esa mesma puntuación máxima a todas a que se inclúan nesa franxa.

    Outro cambio proposto é dar un máximo de 6 puntos por exercer de censor. E en referencia aos congresos non computarán as comunicaci0nes breves pero si os relatorios convidados e comunicacións extensas. Simplifícanse tamén os tipos de congresos. 

    Tamén se eliminou da produción científica todo aquilo que pasará a ser avaliado en TRANSFERENCIA para o que se está elaborando, segundo o goberno de AU, un documento específico que se compromete para setembro.

    Os libros e capítulos de libros seguiranse tendo en conta pero farase unha lista de editoriais cunha puntuación fixa entre 8 e 24 puntos para que se supoña máis obxectiva.

    martes, 12 de julio de 2011

    Nota medios rolda de prensa Vigo

    JAIME CABEZA:
    NA REITORÍA GOBÉRNASE SÓ PARA UNS POUCOS

    O líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, afirma que o primeiro ano de goberno do novo equipo reitoral caracterizouse por “afondar nos desequilibrios” e os “conflitos” entre áreas e departamentos, nunha universidade “cada vez máis inxusta”,  onde “uns poucos privilexiados teñen cada vez máis, mentres a meirande parte dos docentes e investigadores están a sufrir os maiores recortes da historia da Universidade de Vigo”.

    Jaime Cabeza contrastou a “hipoteca” e os “préstamos” recibidos para a posta en marcha do Campus do Mar fronte, por exemplo, as “catro cadelas” que reciben os docentes e investigadores pola produción científica que realizan cada ano, que ademáis acumula un retraso considerable na súa valoración e execución. 
    Neste sentido, o responsable de Nova Universidade lembrou que “aínda non saíu a convocatoria da produción científica do ano 2009”, o que provoca situacións “tan absurdas e ridículas” como que a valoración das bolsas e axudas para a realización de estadías no extranxeiro para o 2011 teñan que recurrir os datos do 2007 e 2008” e, ante a falta de recursos, “apenas se concedan un 10% das solicitudes”.
    Cabeza tamén criticou o “enorme incremento da burocracia e o papeleo” administrativo na docencia e na xestión dos grupos e proxectos de investigación, que está a provocar un gran malestar entre a comunidade universitaria, visible en aspectos como as sinaturas de protesta presentadas recentemente por un total de 44 directores de másteres ante a Reitoría, así como as “plataformas engorrosas, ineficaces e desesperantes nas que compre perder horas e horas, metendo datos”, tales como o Suxi, Doc-Net ou o servizo Xescampus.

    Na súa valoración do novo equipo reitoral, Jaime Cabeza asegurou que, “a excepción dunha ou, alosumo, dúas vicerreitorías”, o equipo de goberno  “presenta unha pésima xestión, carece de estratexia e iniciativa, deixándose levar pola inercia dos acontecementos e sen rumbo nin obxetivos”.

    Todo elo como consecuencia, según Cabeza, da realización dun programa electoral “feito ás presas” e no que o actual reitor, Salustiano Mato, “prometeu cargos e cartos a moreas” sacados “de non sei qué caladoiros europeos”, mentras “se vulneran os dereitos laborais básicos dos traballadores da UVigo”.

    En opinión de Jaime Cabeza, este primeiro ano serviu para comprobar que o programa electoral con que Salustiano Mato concurriu as eleccións “foi un fraude e un cúmulo de despropósitos”, tal e como acontece coa promesa de presentar o Claustro, nos seis primeiros meses de goberno, un documento para a ordenación, sistematización, recoñecemento, acreditación e internacionalización dos estudos de posgrado”, ou outras promesas como a do cómputo e recoñecemento de todas as actividades docentes realizadas polos profesores.

    Do mesmo xeito que pasou coa promoción do profesorado ou o plan de choque para a consolidación de profesores axudantes e investigadores en precario, outras das promesas tamén incumpridas.

    En definitiva, para Jaime Cabeza este foi un ano no que o novo equipo reitoral adicouse a “chupar roda” dos proxectos xestionados polo equipo anterior de Alberto Gago, cun goberno que sigue en “stand-by” e no que o máis destacable foi a “obsesión pola imaxe e o desmedido afán de protagonismo” amosado por un Salustiano Mato que, si “sudou a camiseta”, tal e como él mesmo decía, foi “levantando algunha que outra pedriña” cando fora do temporal, para saír na foto.

    Iniciativas de impulso e control de Nova Universidade

    Durante o primeiro ano do novo equipo reitoral, Nova Universidade presentou preto de medio centenar de iniciativas de impulso e control da acción de goberno, ademáis de múltiples cuestións e problemas plantexados pola comunidade universitaria, a través dos distintos representantes da formación de Jaime Cabeza.

    Aparte do incumprimento das promesas realizadas polo novo equipo reitorial, unha das cuestións nas que Nova Universidade fixo especial fincapé foron as contradiccións entre a “austeridade” anunciada por Salustiano Mato, cos recortes sufridos na meirande parte dos orzamentos que afectan o persoal e estudiantado da UVigo, “fronte  o manteñemento e recolocación de cargos e persoal de confianza, coa creación de novos comisionados, o engorde da administración paralela, a través de diversas  sociedades dependentes, e o incremento das asistencias técnicas externas”.

    Así, durante o debate orzamentario, Nova Universidade criticou o incremento do 11% experimentado na partida do Capítulo II (gastos correntes, viaxes e dietas) no presuposto do 2011, dato que contrasta coa drástica redución en case todas as partidas de axudas aos grupos de investigación, tales como bolsas de viaxe (cunha caída do 40%), as bolsas de estadías (25%) e posgrao (8%), as axudas a equipos de investigación (30%) e de asistencia a reunións  científicas (64%), as axudas de transferencia (31%) ou as axudas aos departamentos (13%).





    Nota medios rolda de prensa Ourense

    JAIME CABEZA DENUNCIA A PERDA DE AUTONOMÍA DO CAMPUS DE OURENSE E A PREOCUPANTE REGRESIÓN NO SEU MODELO DE XESTIÓN

    O primeiro ano do novo equipo de goberno da Universidade de Vigo, encabezado por Salustiano Mato, caracterizouse por una “alarmante” perda de autonomía na xestión do campus de Ourense e a “ineficacia e falta de iniciativa” amosada pola Vicerreitoría de Campus.

    Segundo o líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, que hoxe ofreceu unha rolda de prensa no campus de Ourense, acompañado do director da Escola de Informática, Enrique Barreiro, para valorar o primeiro ano do goberno encabezado por Salustiano Mato, a Reitoría da UVigo amosou un “absoluto desinterés” polos órganos de xestión do campus de Ourense, coma o Consello de Campus, “órgano o que nunca acudiu o novo Reitor e que só se reuniu de xeito extraordinario, para tratar asuntos de trámite”. “E na única reunión ordinaria que se celebrou, no punto de Informe do presidente do Consello, a vicerreitora de campus, María Lameiras, dixo que non tiña nada de que informar, nada que decir sobre aspectos como a paralización xudicial do proxecto “Porta de Galicia”, ou a parálise do edificio administrativo que presentara o anterior reitor, Alberto Gago”, apostillou Cabeza.
    O responsable de Nova Universidade puxo tamén como exemplo da perda de autonomía o feito de que as función de planificación de infraestructuras, que dependían exclusivamente do campus, pasen a depender, novamente, da Vicerreitoría de Planificación, centralizada no campus olívico, “o que provoca que calquer obra ou arranxo no campus de Ourense teña que xestionarse dende Vigo, cos conseguintes atrancos e demoras na execución”.

    Segundo Cabeza, está situación supón unha “regresión e salto hacia atrás no tempo”, pois non se producía dende antes do ano 2004, cando para plantexar calquer obra, os decanos tiñan que falar coa Dirección Técnica de Obras, dependente da Vicerreitoría de Planificación, en Vigo, e non coa Unidade Técnica do Campus.

    Un exemplo similar co acontecido con servizos do campus tan estratéxicos como a Oficiña de Formación, Orientación e Emprego (OFOE), a Fundación Universidade de Vigo (FUVI), que xestiona as prácticas en empresas, ou o previsible peche dun servizo tan importante para o alumnado como o gabinete psicopedagóxico, mentras servizos como a Oficina de Relacións Internacionais (ORI), son atendidos exclusivamente por becarios. Todo esto, en opinión dos representantes de Nova Universidade, da mostras do “progresivo desmantelamento” do campus de Ourense.
    Jaime Cabeza tamén acusou a Salustiano Mato de incumprir as súas promesas de descentralización do campus de Ourense e de limitarse a xestionar os proxectos xa iniciados polo equipo anterior” sen que ata o de agora se coñeza cal é a súa visión sobre o desenvolvemento futuro deste Campus, ao tempo que lamentou “que a vicerreitora do campus de Ourense se preocupe unicamente por saír nas fotos e acudir a todos os actos que poder, en vez de ocuparse dos problemas reais do campus, como a falta de espazo do edificio administrativo e o edificio Politécnico ou a carestía de persoal técnico da Escola de Informática”.

    O líder de Nova Universidade salientou a “preocupante” redución dos presupostos do Campus de Ourense, sobre todo no capítulo de dotación e mantemento de Infraestructuras, “que non parece proporcional, pois mentras no conxunto da Universidade reduciuse un 26,09%, no campus de Ourense caeu ata o 49%”.

    Durante a rolda de prensa celebrada hoxe, tamén interviú o director da Escola de Informática, Enrique Barreiro, para dar conta das distintas iniciativas de impulso e asuntos relacionados co campus de Ourense levados por Nova Universidade os órganos de goberno da Universidade de Vigo, así como “as inquedanzas que, prácticamente a diario, nos trasladan tanto o persoal coma o alumnado do campus”.

    Barreiro tamén reclamou o actual equipo de goberno da UVigo que se pronuncie sobre a proposta de decreto de Ensinanzas Universitarias da Xunta que fixa en 45 alumnos a matrícula mínima do primeiro ano para cada titulación, algo que, o seu xuizo, “supón unha seria ameaza para a supervivencia de, alomenos, cinco titulacións do campus de Ourense”.

    domingo, 10 de julio de 2011

    CLAUSTRO DO 6 DE XULLO DO 2011: NOVA UNIVERSIDADE APORTA CONSENSO NA RENOVACIÓN DO TRIBUNAL DE GARANTÍAS

    Tras varios mandatos nos que o presidente do Tribunal de Garantías, Luis Espada, exerceu de xeito interino e sen se someter a elección nen poñer o seu cargo a disposición da comunidade universitaria, este órgano afronta unha nova etapa, coa elección dun novo presidente, o catedrático de Ciencia Política Argimiro Rojo, elexido por consenso, grazas ao apoio de Nova Universidade, formación que tamén apoiou a designación de novos representantes neste órgano.

    O INCUMPRIMENTO NA PROMESA DAS PAGAS EXTRAS
    Outro fraude electoral máis dos plantexados polo reitor, Salustiano Mato, durante a campaña electoral: o incumprimento do “compromiso para que as pagas extras sexan íntegras”, tal e como figuraba no programa presentado polo candidato de Alternativa Universitaria (páxina 36), e cuxa negativa reiterou, o equipo de goberno, no último dos claustros celebrados.
    Jaime Cabeza e os compañeiros de Nova Universidade cuestionaron o incumprimento desta medida, amparándose en subterfuxios cuestionables e que pouco teñen que ver coa propia vontade do equipo reitoral de librar as partidas necesarias para o pago desta débeda cos traballadores da UVigo, tal e como fixeron outras universidades e administracións públicas, que optaron pola salvagarda dos dereitos dos seus empregados.

    DIRECTORES DOS MÁSTERES, CANSOS DE TANTA BUROCRACIA
    Nova Universidade solicitou no Claustro a simplificación do papeleo nos trámites de seguimento dos másteres, solicitando a optimización dos trámites, avalado pola sinatura de 40 directores de másteres, que respaldan esta solicitude, tendo en conta o arduo traballo que requiren, tampouco recoñecido polo actual equipo de goberno, pese a que Salustiano Mato, no seu programa electoral, tamén indicaba que “todas as actividades docentes deben recoñecerse e, polo tanto, computar no POD do profesorado” (pax. 18).


    lunes, 13 de junio de 2011

    En déficit e cos mesmos desequilibrios

    AU xustifica os números negativos a pesar da reducción dun 5% nas nóminas apelando ao plan de promoción que máis se solventar problemas segue reproducir os desequilibrios entre áreas con altísima carga docente que non poden medrar mentras o fan outras que perden día a día matrícula de alumnado. A política de profesorado é para Nova o maior problema e debilidade que está amosando o goberno da UVigo.

    CONSELLO DE GOBERNO 13/06/2001
     A memoria económica e o Campus do Mar, NU demanda rigor.

    Nova Universidade, neste caso a través do noso representante Alejandro Pereira, pregunta polos indicadores de resultados e sobre cal é a xustificación de que en non incidise nos gastos a rebaixa salarial correspondente a un 5% que ao aplicarse a medio ano correspondería a unha baixada de 2,5% , porcentaxe que non se contempla xa que en gastos de persoal só houbo unha redución do 1,3% .

    Na táboa que introducimos, con datos aportados en Consello de Goberno, se evidencia a entrada en déficit orzamentario.




    No Consello de Goberno do día 13 Nova Universidade preguntoulle ao sr. xerente polo feito de non ter pagado o complemento de excelencia curricular da Xunta de Galicia correspondente ao ao 2009 e en relación  cos tramos recoñecidos no dito ano. Nas últimas semanas houbo información confusa relativa a que algúns reclamantes recibiran unha comunicación de que se lles pagarían de inmediato. A explicación que deron o xerente e o vicerrector de planificación é que houbo un erro imperdoable polo que non rexistraran o correspondente ingreso da Xunta e piden públicas disculpas. E engaden que se regulizará de inmediato o pagamento a todas as persoas afectadas, reclamantes ou non. No nome propio, o coordenador do noso grupo aceptou as disculpas, pero remarcou a gravidade do erro, para que non se repitan feitos tan lamentables.

    En rogos e preguntas Jaime Cabeza denuncia a situación do OFOE. Tansferiuse á Fundación Universidade de Vigo e, con ocasión desta trasnferencia, se extinguiron os contratos de catro traballadoras que moi pouco antes obtiveran por sentencia a condición de traballadoras indefinidas. O coordenador de Nova reprochoulle esta actuación ao xerente e máis ao vicerrector de transferencia, indicándolles que a súa conduta ten un claro arrecendo de vulneración de dereitos fundamentais.

    A presentación das contas do Campus do Mar por parte de Emilio Fernández foi outro momento destacable da xuntanza de hoxe. Por mor desta presentación, Jaime Cabeza sen ánimo de ofender ao director do Campus do Mar, solicita ao Consello que se promova un procedemento de seguimento das contas. Por outra banda tamén quere que se teña moita prudencia cos programas de contratación de talentos que poden levar unha futura carga de persoal á UVIGO.

    Por último, ainda que sucedeu primero pois foi no informe a Reitor, preguntouse se nos requisitos dos programas de doutoramento se tiña incluído algún criterio de distinción por ámbito universitario (informouse de que ten que haber un mínimo de 10 teses activas e 1 lectura de tese)

    martes, 10 de mayo de 2011

    Intervencións de Nova Universidade no Consello de Goberno

    Tal e como sucedeu...

    En relación á normativa de directrices xerais de seguimento dos títulos oficiais, Armando Caballero interveu recoñecendo a necesidade dunha regulación do seguimento dos títulos pero pedindo que se reflexione sobre a cantidade de burocracia que se está xerando, sobre todo en relación ás axudas económicas que se reciben. Os programas de doutoramento xestionábanse polo departamento e tiñan un presuposto tres veces superior aos masteres equivalentes, nos que cada vez se pide maior burocracia sen axuda administrativa.

    No terceiro punto da orde do día Jaime Cabeza indicou que Nova está basicamente de acordo co espírito da normativa en canto á eliminación dos contratos de substitución a tempo completo por causas orzamentarias pero que lle parece que sobra o punto 1.2 da normativa no que se impide aos funcionarios doutras administracións optar á devandita convocatoria xa que dita incompatibilidade está recollida na lei 53/1984. A vicerreitora de Profesorado recolleu a luva e asume que consultará aos servizos xurídicos a modificación da normativa.

    Jaime Cabeza interveu ademáis en relación á asignación de horas extras ao persoal PDI laboral propondo que se definan claramente as situacións extraordinarias nas que se poidan aplicar as horas extras, como situacións de cambio de plans de estudo, e ILTs.
    Entendendo esta posibilidade de aplicación de horas extras como dereito do persoal PDI laboral,  xa que non existe espírito de obrigatoriedade, Cabeza, en nome de Nova, pide que se extrapole devandito dereito ao persoal PDI Funcionario, asumindo da mesma forma a súa aplicación en casos extraordinarios.

    En rogos e preguntas Alejandro Pereira comentou que se evite na medida do posible que a comunidade universitaria téñase que decatar das noticias antes pola prensa que pola propia Universidade, como foi no caso da noticia da Voz de Galicia do día 6 de maio referente a de a non inclusión do master de Tecnoloxías Industriais na oferta de estudos  por parte da Universidade de Santiago  para o curso académico 2011-12. Por outra banda o Reitor responde, bastante irritado,  que non todo o que sae na prensa ten porque ser verdade e que ata que teña confirmación fidedigna da noticia da USC non se fará público polo que asume que foi unha filtración e por tanto incontrolable.        


    lunes, 18 de abril de 2011

    Consello 15/04/2011

    PDI, moitas plantillas pero nada de planificación

    NOVA anunciou que ía votar en branco tendo en conta o esforzo dos centros por chegar aos criterios marcados polo Consello de Goberno e as horas de traballo que elo implicou de equipos directivos e profesorado. Dado que estes criterios foron aprobados tivemos que xogar o partido con eles ainda que seguimos abertamente en contra dos memos.
    Resumindo as ideas que expresou o profesor Cabeza sobre a postura de NU sobre este tema afirmamos:
    1ª.- Que o traballo de organización do Plan Docente Anual (PDA) é  totalmente ermo: non paga a pena tanto esforzo, se do que se trata é  simplemente de cadrar as contas.
    2ª.- Porque o que se pretende é chegar a un resultado predeterminado  de antemán: non contratar a ninguén.
    3ª.- A finalidade da resolución aprobada está clara: axustar o plano  teórico á realidade e non viveceversa, como debería ser.
    4ª. Isto pasa porque esta Universidade xamáis tivo relación de postos  de traballo de PDI, por razóns escuras. Hai que ter canto antes  Relación de Postos de Traballo, isto é, plantilla teórica de PDI para 
    saber como debe evolucionar a contratación e o nomeamento de  profesorado.
    5ª.- Quedou moi claro que Alternativa Universitaria nen tivo nen ten  programa de PDI.

    O reitor responde, como sempre, que esta niso e que había problemas  para polo en marcha, entre elas que está pendiente a aprobación do Estatuto de PDI. O líder de NU respondeu con dúas ideas:

    1ª.- Que “a plantilla da Universidade de Vigo debe de ser máis complexa que a da Administración Xeral do Estado, porque na nosa institución semella imposible planificar en profesorado”.
    2ª.- Que tiña moita fe, pero que lle esixía ter “máis fe que San Juan de la Cruz para creer en que, realmente, tiñan plan de PDI”.


    E seguimos igual…    

    Jaime Cabeza lembrou que era moi pouco democrático que non se tivera convocado claustro, cando se pediu por sinaturas hai catro meses o debate das pagas extras e cando o presidente do Tribunal de Garantías levaba nove anos en funcións. Do das pagas extras nada dixo o reitor. Do de Tribunal de Garantías que estaban “facendo xestións, pero que non era doado propor  alguén de consenso”. Polo de agora, e xa van dez meses de goberno, Nova Universidade non recibiu proposta alguna.

    Cabeza preguntoulle tamén ao reitor se lle parecía ético que o presidente do Tribunal de Garantías asinara en autoría ou coautoría os informes do Tribunal de Garantías. É dicir, que apareceran como obras súas os informes da institución. Mato respondeu: “que non lle parecía relevante”. E que o reitor quite importancia ao que na nosa opinión é unha piratería intelectual amosa moi poca ética por parte de Luis Espada e un implícito consentimento por do goberno da universidade.

    NU pregunta por outras cuestións

    En canto á noticia  aparecida o 7 de abril no Faro de Vigo, sobre  do plan de solvencia,  e porque a comunidade universitaria tense  que decatar polo xornal. Rógase que este tipo de noticias, por deferencia  á comunidade universitaria se comuniquen previamente, aínda que sexa nalgunha zona da páxina web.
    Por certo, falando da web pídese que a información sobre as axudas de Investigación se incluan no capítulo de Investigación.  

    viernes, 1 de abril de 2011

    Nova no Consello de Goberno (29/03/2011)

    De máis a menos e sen estenderse…

    A aprobación da programación docente retirouse como punto da orde do día por decisión da COAP a iniciativa de Nova. Seguiremos informando porque algo non cheira ben.

    “Graduado superior en deseño téxtil e moda” xa non podía ser a denominación tras a intervención directa do Defensor do Pobo. Nova pide e se aproba a creación dun “Comité de Ética” para vixiar casos que van desde a falta de transparencia até o plaxio. A idea é repensar como afrontar situacións que poñen en cuestión a reputación da UVigo. O mellor é lavar os trapos en casa.

    A pesar do compromiso do reitor non haberá unha Facultade de Comercio, na votación: abstención. Nova apoia na petición ao centro máis céntrico.

    Incorporacións de Nova a comisións: Inma Anaya Revolta e Almudena Fernández Briera, na de Posgrao, e Teresa Pérez Igrexas e Águeda Gutiérrez, na de Reclamacións.

    Máis que rogar e preguntar temos que lembrar e rifar sobre os problemas que o equipo de Goberno segue sen afrontar directamente como a produción científica (plataforma informática contratada externamente que é un sarpullido e desesperación, lentitude e erros na valoración) así como os complementos da Xunta nunca abonados do ano 2009.

    Pouco pero moito…

    martes, 29 de marzo de 2011

    NOVA UNIVERSIDADE IMPULSA A REVISIÓN DO MAPA DE TITULACIÓNS

    Nova Universidade amosa a satisfacción polo feito de que no Consello de Goberno de hoxe se aprobase a súa proposta de elaboración dun novo Mapa de Titulacións de Posgrao para a súa discusión e aprobación no Claustro da Universidade, “rexeitando así a traxectoria destes últimos anos baixo o mandato de Alternativa Universitaria” no tocante a aprobación de másteres e posgraos.

    Na reunión de hoxe do Consello de Goberno, o líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, congratulouse do feito de que o equipo de Salustiano Mato “recoñeza por fin a falta de ordenación existente sobre o mapa de titulacións na UVigo, algo que xa advertíramos durante a campaña electoral, cando decíamos que había que rematar coa lei da selva da aprobación de todo tipo de posgraos sen criterio nen estratexia”.

    Unha situación, segundo o líder de Nova Universidade, que provocou a creación de “auténticos reinos de taifas por riba das necesidades da comunidade universitaria e de costas ao alumnado e ás demandas reais do mercado”.

    De feito, Cabeza alertou sobre a proposta inicial de hoxe do equipo de goberno, de non implantar novos títulos de máster agás “naquelas propostas de interés estrátéxico para a universidade” que fosen “provomidas polo equipo de goberno”, tal e como constaba no texto inicial que a Reitoría elevou ao Consello para a súa aprobación. Un texto que, a xuízo de Jaime Cabeza, amosaba de novo pouco rigor nunha institución académica como é a Universidade de Vigo.

    Algo similar ao acontecido, segundo Nova Universidade, cos “erros detectados no cálculo da docencia e do tamaño medio dos grupos para o vindeiro curso que amosa diferencias máis que evidentes na consideración entre os distintos centros, e que dende o noso grupo tamén advertimos e freamos”.

    Por outra banda, Jaime Cabeza advertiu que “mentras o reitor da cumprimento o noso programa, no tocante á elaboración dun mapa de titulacións, incumpla as súas propias promesas, cando na campaña electoral fixo unha afervoada defensa da conversión da Escola de Comercio e Facultade e agora opta por absterse”, en alusión a postura de hoxe de Salustiano Mato no Consello.
    Saúdos,

    miércoles, 16 de febrero de 2011

    Plan de promoción e "normativa de recoñecemento"

    O Consello de Goberno do luns 14 tivo dous puntos centrais:

    O primeiro deles, referido ao plan de promoción. Apoiamos que se leve a cabo un Plan de Promoción para consolidar a bolsa de investigadores IPP, RC e axudantes. Porén, deixamos claro que non compartimos o xeito de levalo a cabo. Cuestionamos que o "Plan de Choque" mencionado no programa de goberno de AU non é tal, xa que a proposta é continuista con lixeiras modificacións, en todo caso máis restritivas que as do ano pasado, ao se pedir agora unha antiguidade de 3 anos, no canto da antiguidade dun ano requerida na edición anterior. Indicamos que o Plan crea unha enorme inseguridade nos investigadores, xa que as normas cambian de cotío, e depende tremendamente das vicisitudes cada ano. Por iso, fixemos unha proposta alternativa baseada en criterios e non en cupos. Esta proposta é a que consta no programa de goberno de NOVA. Mais o dito, tras as explicacións da vicerreitora de profesorado e do reitor verbo da súa planificación para o futuro e o compromiso do reitor de manter o plan actual durante 2 ou 3 anos, así como comezar a organizar un sistema de consolidación consensuado baseado en criterios de calidade, decidimos retirar a nosa proposta e aprobar por consenso a do Goberno.

    O outro punto central da orde do día foi o referente á “normativa de recoñecemento” de actividades aos efectos de POD. Ou, como se denominou tradicionalmente, normativa de desgravacións. Dado o seu carácter marcadamente continuista, como ben recoñeceu a vicerreitora de profesorado, Nova Universidade non a votou favorablemente. O voceiro Jaime Cabeza avaliou positivamente que se lle denomine normativa de “recoñecemento” mellor que de “desgravacións” no que ten de simbólico. Alén deste avance, e dalgunha pequeña mellora técnica que cómpre recoñecer, é máis do mesmo. O que resulta particularmente preocupante cando o programa de AU nas eleccións comprometera que todos os posgraos e o programa de maiores computaría en POD. Ademáis Cabeza lle recriminou que segue na andaina de favorecer aos grupos grandes en detrimento dos pequenos e que máis de cen profesores/as da nosa Universidade non dan ningunha clase. Nova Universidade solicitou que se emendara a normativa para expresar que, agás o reitor e os vicerreitores/as, todo o PDI debería dar como mínimo 30 horas. Non é moito, pero si un pequeno avance, na liña de evitar unha excesiva acumulación de desgravacións. O equipo de goberno accedeu a incorporar esta emenda. Polo demáis, o reitor comprometeu a elaboración dunha política global de cómputo das actividades do PDI na que se terían en conta todas as súas obrigas. É, desde logo, unha proposta que se achega aos nosos eixos programáticos. Cabeza preguntoulle ao reitor se, neste escenario, podía garantir que os masters profesionalizantes computarían, cando menos, como a docencia no grao. Como Salustiano Mato non se comprometeu apelando a unha “interpretación distinta” do seu compromiso electoral, os membros de NU no Consello abstivéronse. Ou, por falar con máis precisión –como expresou un compoñente do Consello-, votou en branco, nunha postura crítica pero que lle da ao goberno unha marxe de confianza.

    Solicitamos que para as axudas de bolsas de máster da universidade se pague a dotación total anual (7.092 euros) no canto de prorratear a dotación ao período 1 de xaneiro a 31 de xullo (uns 4000 euros), tal e como se está facendo. A convocatoria das bolsas indica que a súa duración é de dous anos (1 de xaneiro de 2011 a 31 de decembro de 2012) pero unha corrección reitoral asinada en setembro apunta que a bolsa non poderá gozarse despois da finalización do curso académico, é dicir, o 31 de xullo para os masters anuais. Dado que os masters empezaron o 13 de setembro non se debería considerar o inicio da bolsa en xaneiro e por iso solicitamos o pago íntegro anual. A vicerreitora de Investigación respondeu que están a ver como levar a cabo o pago íntegro.

    martes, 8 de febrero de 2011

    Carta a PDI

    Leídas polo noso grupo as reflexións do Sr. xerente da Universidade de Vigo para xustificar a decisión de non pagamento de todos os conceptos do complemento específico nas pagas extraordinarias, Nova Universidade quere formular as seguintes
    valoracións:

    1ª.- Desde antes do Nadal se pediu por sinaturas dos e das claustrais a inclusión dun punto da orde do día relativo precisamente a esta materia. Unha interpretación sesgada do art. 13 do Regulamento do Claustro que reflicte un pensamento nada democrático do Equipo de Goberno serviu de coartada para non debater  este tema no Claustro de decembro. Nova Universidade esixe que se convoque axiña o Claustro incluíndo, como cómpre, este punto solicitado por sinaturas.

    2ª.- Nova Universidade esíxelle ao Sr. reitor da Universidade de Vigo e ao seu grupo, Alternativa Universitaria, o cumprimento do seu programa electoral. Por suposto, tamén dos compromisos que adquiriron en canto ao importe das pagas extraordinarias. E con independencia, evidentemente, do que declaren os xuíces, verbo da eventual obriga de pagar diferenzas nos anos 2007 a 2009. Tema este absolutamente distinto e do que, certamente, non cabe outra alternativa que estar ás decisións xudiciais.

    3ª.- O noso grupo rexeita que sexa o Sr. xerente o que renda contas nesta materia, reflectindo así  a pouca valentía do Sr. reitor ao se desdicir de compromisos que adquiriu diante da comunidade universitaria. Cómpre esixirlle ao Sr. Mato que amose a mesma valentía política que el demanda de outros responsables públicos e que se explique persoalmente canto antes. E engadirlle ao Sr. xerente que clarexe por que lle chama "independente" ao informe encargado polo seu grupo de goberno.

    4ª.- Nova Universidade lamenta que se responsabilice únicamente na persoa do Sr. xerente a decisión do non pagamento íntegro das gratificacións extraordinarias, tendo en conta que o Sr. xerente é un cargo de libre designación. Se actúa en contra da vontade do goberno nun tema tan concreto e coñecido, a saída digna que cabe é impor a postura do goberno ou, no seu caso, retitarlle a confianza ao Sr. xerente.

    5ª.- Nova Universidade asumiu no seu programa o mesmo compromiso de pagamento íntegro da parte correspondente ao complemento específico nas pagas extraordinarias. E mantén que se pode facer, unicamente hai que ter vontade política. É máis, asumiu este compromiso logo de coñecer informes do Ministerio de Educación e do Ministerio de Economía que expresamente autorizan ás Universidades para que procedan ao seu pagamento. Informes que, desde logo, estamos en condicións de exhibir públicamente.

    6ª.- Nova Universidade pregúntase se o Sr. reitor de verdade cree que a maioría dos reitores e reitoras do Reino de España actuaron de xeito contrario á lei ao decidiren pagar nas súas Universidades o controvertido complemento na súa contía total. Nós máis ben acreditamos que o que decidiron facer é pagar o que consideraron que en xustiza lle corresponde ao persoal das súas Universidades, obviamente tras se asesoraren adecuadamente, e decidir os seus xerentes a fórmula axeitada para facelo. É máis, o que fixo algún deses reitores foi, simplemente, cumprir o seu programa electoral.

    Vigo, a 7 de febreiro de 2011

    Nova Universidade

    martes, 18 de enero de 2011

    NU di “non” ao continuismo en política docente de AU en Consello


    Consello de Goberno 18/01/2011

    Nova Universidade dixo “non” ao continuísmo na política docente de Alternativa por favorecer a desigualdade entre titulacións e que o equipo de Goberno non cambiou, tal e como a propia vicerreitora recoñeceu. O pasado ano prometérase que habería unha profunda modificación para afrontar o cómputo de docencia baseado en TMG (tamaño medio de grupo). NU manifesta a súa total oposición ao sistema actual no que se producen enormes desequilibrios entre os estudos con gran número de alumnos e os que pola contra están con exceso de docentes en relación coa matrícula. A inxustiza deste cómputo levounos a reclamar novamente un reprantexamento ao equipo de Goberno e a votar negativamente tras a abstención do ano pasado, no que confiamos nunha promesa, agora se comprobou, incumprida. Mantendo como unidade o grupo, sen ter en conta que pouco ten que ver un grupo de 90 alumnos cun de 10 para a carga docente.
    A proposta de NU, por tanto, é que sexa o ALUMNO a unidade de referencia, dado que debe ser este o eixo que estrutura a Universidade e que parece esquecerse.

    O outro tema a destacar do Consello desta mañá son as normas para a concesión de ano sabático, no que NU se abstivo debido fundamentalmente a que consideramos que non pode cada ano decidir a comisión as pautas para dar ou denegar esta posibilidade a un profesor senón que debe elaborarse un regulamento. De feito, os criterios anuais son tan amplos que lle deixan á comisión absoluta discrecionalidade. NU considera que o feito de que cada ano dependa dunha comisión sen unhas pautas ben definidas produce unha inseguridade xurídica que non apoiará. Segundo o propio reitor, el pensa involúcrarse persoalmente para que esta demanda de NU se atenda e se establezan criterios permanentes.

    Consello extraordinario
    Da reunión extraordinaria que tiña como único punto a modificación do regulamento do Consello de Goberno só queremos salientar que se presentou como propia (Ana Graña) unha iniciativa de Nova Universidade. Na reunión precedente Jaime Cabeza indicou que sería máis acaído que os criterios de maior antiguidade, seguido do de idade -para dirimir o último posto da comisión, en caso de empate- utilizar a lóxica da paridade e só os anteriores como supletorios en caso de igualdade. Ana Graña aportaba e “vendía” a iniciativa como do seu grupo, e por iso simplemente cómpre lembrar neste blog que foi NU e non AU quen considerou a igualdade de sexos como argumento, sen máis.