viernes, 18 de noviembre de 2011

EVIDENCIAS DOS DESEQUILIBRIOS

Sen dúbida, os dous asuntos máis salientables do Consello de Goberno do luns 14 novembro foron a aprobación dos criterios e do procedemento de promoción ao corpo de catedráticos/as de Universidade e a aprobación dos criterios de cómputo da carga docente básica en titulacións de grao.
No que se refire ao primeiro deles, a normativa que presentou o equipo de Goberno –e que saiu co exclusivo voto en contra dos membros de Nova Universidade, alén de tres abstencións- é absolutamente regresiva. Ate o luns, se non había oco por cadro de persoal –isto é, se non había unha ratio inferior ao 25 por 100 de persoal consolidado catedrático nunha área de coñecemento- había que ter tres sexenios para que unha persoa acreditada como CU obtivese a saída a concurso dunha cátedra. O bodrio que se aprobou o luns deixa todo en mans dunha decisión anual verbo do número de cátedras que han saír cada ano. Hai evidentes razóns para oporse a esta medida, básicamente as que seguen:
1) UVigo ten unha percentaxe moi baixa de CU no seu cadro de persoal. Se o óptimo para estar na media serían 250 catedráticos/as, estamos a 100 de chegar ao dito óptimo. Nestas condicións, adiantar medidas restritivas non é lóxico.
2) O número de cátedras é, desde logo, un indicio de calidade, que parece que despreza a nosa institución.
3) O acceso ao corpo 0500 é parte do dereito á promoción profesional do PDI de Universidades, que o Consello de Goberno lamina por escuras consideracións, xa que deixa de haber criterios obxectivos, máis ou menos ríxidos, que unha persoa ten que cumplir para ter dereito á convocatoria da cátedra. O esforzo en cátedras pasa a ser contixente da ¿vontade? política da maioría de turno.
4) Desde logo, os e as TU van ter poucos incentivos para traballar arreo e para “suar a camiseta”, como quere a verborrea salustiniana.
5) AU non quere presentar un plano xeral de aforro de custes en capítulo 1 na época de crise económica, senón que presenta medidas illadas, sen que se poida facer unha listaxe de prioridades ordenada. Nestas condicións, a dúbida é que capítulos manteñen e que capítulos non e por que.
6) En fin, sen abondar máis nesta laminación de dereitos, o argumento da conxelación da masa salarial bruta non é máis que un mantra xustificativo, porque precisamente estaría excluído un convincente plan de incentivos, como admiten expresamente as leis orzamentarias. E, aínda que así non  fose, habería que priorizar o aforro e manter unha política estrutural como é a converxencia no número de catedráticos/as coa media do Reino de España. En resumo, esta decisión é toda unha paráfrase do respeto que ten AU polas carreiras profesionais na UVigo, respeto do que PDI e PAS somos vítimas conxuntas.

No segundo tema –criterios do cómputo da carga docente básica en titulacións de grao- a postura do grupo en Consello de Goberno foi votar en branco. Convén explicar esta decisión. Desde logo, non nos gusta a fórmula empregada nen o resultado. A fórmula parte de facer un castelo no ar, sen fixar criterios previos, como tiña que ser a aprobación do Regulamento de Profesorado ou a fixación dunhas bases do que tiña que ser a relación de postos de traballo –RPT- de PDI. A fórmula é restritiva, teledirixida á finalidade de que apenas salan prazas de déficit. É dicir, faise a fórmula a partir do resultado e non á inversa. O que pode saír é un monstro, especialmente perigoso ante as afiadas tesoiras do goberno de Feijóo.
 Porén, hai elementos de cambio que hai que valorar. O primeiro deles é o establecemento dun criterio que permite facer un cálculo do número de PDI necesario en cada centro. É un traballo ímprobo, que hai que recoñecerlle a Margarita Estévez e ao seu equipo. Un traballo que estaba pendente desde que comezó a andaina de Domingo Docampo como reitor. Catorce anos máis tarde, a aprobación dun criterio obxectivo de carga docente básica pon ás craras a nefasta executoria dos sucesivos equipos de AU en materia de profesorado, co establecemento de desequilibrios inaceptables entre áreas de coñecemento que agora a fórmula aprobada deixa ás claras, incluso en intensidades máis amplas do que cabía pronosticar. É o recoñecemento explícito de que UVigo leva catorce anos á toa en temas de profesorado. Ademáis, converxe co noso programa noutro aspecto: en que a carga básica de grao é unha parte da carga básica total para o cálculo do PDI estable necesario. Xa que logo, hai que aprobar carga básica de posgrado e carga básica doutras actividades correspondentes ao PDI. Outra vez, AU vese na obriga de recoñecer explícitamente a tolemia de como se implantaron  os posgraos en Vigo da man do nefasto goberno de Alberto Gago. A este respecto, o reitor Mato de la Iglesia comprometeuse á pregunta de NU a que neste curso se presentarían a Consello de Goberno os criterios de carga básica de posgrao, alomenos. E comprometeuse asemade ao comezo inmediato dos traballos para a aprobación do Regulamento de Profesorado. Nestas condicións, pareceunos oportuno apostar por unha abstención crítica, para esixir que se afonde neste proceso de clarificación. Por moi pouco rigorosos que sexan os criterios que se están a empregar.

Por certo, adxuntamos ao blog un cadro coa proxección na maioría dos centros –todos dos que temos dados concretos- da fórmula de carga docente básica en termos de exceso o defecto de profesorado consolidable. Os números falan por si sós de dúas ideas básicas:
1) desequilibrios abafantes.
2) Pouco respeto de AU polo labor docente do PDI, que se contabiliza sempre con criterios extremadamente restritivos. A lectura deste cadro produce vergoña allea. Por certo, ten unha pequeña marxe de erro –non máis do 10 por 100- derivada de que non temos números exactos verbo das taxas de abandono e de fracaso.
PREGUNTAS NOVA

O noso representante no eido de Investigación, Armando Caballero, fixo algunhas preguntas na sesión de Consello de Goberno do pasado luns 14 de novembro.

  • Hai uns días a Vicerreitora de Profesorado comunicounos as instrucións da Xunta para a impartición dos másteres oficiais para o próximo curso. Estas instrucións son moi inquietantes porque restrinxen a impartición de másteres a aqueles que teñan un mínimo 20 alumnos matriculados en setembro (quizais en xullo). A Xunta parece non darse conta de que os másteres son docencia especializada, non de masas, polo que é lóxico que non haxa moitos alumnos.
Cos datos da matrícula actual só uns poucos (10?) cumprirán ese requisito, e a maioría dos 85 másteres non se poderán impartir o próximo curso.

Isto implica:
(1)   Que os alumnos terá unha oferta formativa moitísimo menor para elixir.
(2)   Que os alumnos que non poidan matricularse nun máster terán que facelo noutro do ámbito, implicando unha masificación destes últimos.
(3)   Que se hai límites máximos nos másteres sobreviventes, algúns alumnos poden quedar sen praza de máster.
(4)   Que nalgún ámbito sinxelamente é posible que non sobreviva ningún máster polo que os alumnos non poderán matricularse de máster.
(5)   Por último, que todo o traballo desenvolvido polos profesores que organizaron másteres nestes últimos anos vén abaixo. Pasamos da estratexia "cantos máis másteres mellor" a "cantos menos mellor".

Sabemos que o reitorado está a tentar que a aplicación desta norma aprácese até o curso 2012-13 e queremos saber como están estas xestións.

  • Por outra banda, e xa referidos aos novos másteres que se implanten de aquí en diante, que serán a maioría se se mantén o requisito de 20 alumnos, as instrucións impoñen uns requisitos onde as palabras empresa, contorno socioeconómico, orientación laboral, demanda laboral, competencias profesionais, etc. abundan. Que os másteres teñan aplicacións laborais está moi ben e é necesario, pero, ¿que pasa cos másteres de investigación básica en calquera dos ámbitos?
Pasamos de másteres investigadores, académicos e profesionalizantes, a só investigadores e profesionalizantes, e por último a todos profesionalizantes? De novo impídeselle ao alumno que elixa que tipo de máster quere facer.

A pregunta é cal é a postura oficial da Universidade antes este decreto. Vaino a acatar sen máis ou vai loitar por moderalo?

  • Avaliación do VAD. Para o curso 2009-10 os departamentos xa non teñen que considerar as coordinacións dos programas de doutoramento porque pasaron ao ámbito da Facultade. Tampouco a entrega de actas de doutoramento, etc. Esa avaliación pasa agora ás Facultades, pero tívose en conta na petición do VAD?


    Engádese táboa coas duas últimas columnas da análise sobre o PDI da UVigo.