miércoles, 14 de diciembre de 2011

CLAUSTRO DO 13 DE DECEMBRO DE 2011

É salientable o déficit democrático que ven caracterizando ao noso reitor e adláteres. Onte, no Claustro do informe anual, quedou moi reflectido. Logo dunha intervención do reitor Mato de la Iglesia de case unha hora de tempo, na que amosou unha elocuencia digna dun párroco rural, o voceiro de Nova Universidade, Xaime Cabeza, retrucoulle por non máis de vinte minutos criticando o labor e a executoria do seu equipo no último ano. Ao que, airado, respondeu que o informe anual non era “o debate do estado da Nación”. Para logo amosar pouca capacidade de encaixe na resposta. Por desgraza, a súa actitude provocou que o único comentario ao informe anual fose o do voceiro de Nova Universidade.

Nova Universidade quere lembrarlle á Comunidade Universitaria que o dereito fundamental á libertade de expresión está na cerna do máis esencial do noso sistema de valores. E que o dito dereito inclúe as expresións desabridas e que poidan molestar, como expresa o noso Tribunal Constitucional. O único límite é que non abrangue o dereito ao insulto. E quere lembrarlle, por outra banda, que o Claustro debería de ser o órgano supremo da vida universitaria nunha institución democrática. Mágoa que, logo de xuño do 2010, estos valores se lle esqueceran aos membros do equipo de Goberno de Alternativa Universitaria.

Por suposto, Nova Universidade seguerá a exercer o seu dereito á crítica construtiva. Lamenta o pouco espazo de debate do claustro e a escandalosa diferenza dos tempos consumidos nas exposicións do goberno –exposicións que ademáis evidenciaron a escasa capacidade comunicativa que lles caracteriza- e o espazo que, nun ambiente de pouco recoñecemento da liberdade de expresión, se lles deixa aos e ás claustrais.

O monólogo do vicerreitor de planificación verbo das liñas estratéxicas e orzamentarias, ademáis de soporífero, resultou manifestamente sesgado. Outra vez, baixo o oropel de grandes proxectos institucionais, quedan esquecidas as necesidades da maioría da comunidade universitaria. Baixo a alegación de que o plan de finanzamento da Xunta é bon para a Universidade de Vigo por favorecer a competitividade, se negan as necesidades básicas para sermos competitivos…agás uns poucos, herdeiros universais das vizosas colleitas de AU. Para eses poucos si que o plan de finanzamento é esencialmente bon, como o son todas as políticas moi pouco redistributivas.

Finalmente: ao día seguinte do noso Claustro, o mesmo órgano da Universidade de Santiago votou en contra  das liñas xerais dos seus presupostos. A diferenza entre un órgano colexiado e o outro –o de Vigo e o de Santiago- pon de manifestó que o da nosa Universidade irmá ten dereito a reprobar as liñas xerais orzamentarias e nós non. A calidade democrática dunha entidade e da outra queda perfectamente reflectida. É certo que a diferenza ten xustificación nas comperenzas que os Estatutos dunha e doutra Universidad lles confiren aos cadanséus claustros. Pero a literalidade da norma permitiría, con todo, unha lectura máis democrática, na que o Claustro fora algo máis que un receptáculo de información. A excelencia tamén vai na democracia, sr. reitor!