viernes, 16 de noviembre de 2012

Os primeiros da clase...


Parece que o consello de goberno do día 14  adiantouse pola prema que ten o actual equipo de goberno  de ser o primeiro da clase na aplicación  do decretazo Wert.  Parabén Sr.  Reitor merécese un premio. Precisamente como consecuencia desta aplicación do decretazo increméntase a capacidade docente do profesorado,  tendo en conta o custosos  que saen os sexenios na maior parte dos  departamentos desta Universidade, e trae como consecuencia a eliminación da figura do profesor asociado, nas súas  distintas morfoloxías, xa sexa asociado a tempo parcial ou asociado con dedicación completa. A postura de Nova foi claramente a  de situarse en contra da modificación das normas de POD, argumentando que, actualmente, para realizar a valoración da actividade do profesorado non existe  ningún modelo e simplemente utilízanse as desgravacións por cargos de xestión  diversos, e  por sexenios, sen ter en conta outro tipo de actividades como poden ser organización de xornadas, conferencias,  congresos,  exposicións,  divulgación en feiras, actividades con empresas, transferencia de coñecemento, organización de cursos, libros, etc.

Outro punto a ter en conta na orde do día foi a discusión das enquisas que a partir de agora, serán encomendadas a unha empresa, suponse especialista, xa que nesta Universidade non existen profesores suficientemente preparados que saiban facer unha enquisa docente profesional. Pero coidado, non volo perdades, segundo Enrique Barreiro de Nova solicitan aos decanatos que fagan a planificación da realización das enquisas.  

Realmente a empresa externa  debería  pedir ao Vicerreitorado de Investigación que realizase as enquisas, que parece que non dá pé con bóla e necesita algo de actividade, e de paso poden escribir algún paper sobre inferencia estatística.

Para pedir xa están os alumnos que se queixan, segundo apuntou  Armando Caballero de Nova  de que non lles chega o calendario escolar, baseado en 32 semanas, moito máis reducido que o calendario gregoriano, ao que hai que engadir o incumprimento da normativa propia da Universidade que contempla de 36 a 40 semanas, así coma a normativa do Real Decreto e que indica a propia secretaría Xeral.

Por último, o profesor Caballero tamén preguntou polo incumprimento da Norma da Xunta que  non  permitía a implantación de masteres con menos de 10  alumnos, pondo o exemplo de dous deles,  un de 5 alumnos e outro de 8 alumnos, non se se os multiplican por un factor de seguridade  ou é que devanditos alumnos valen dobre como os goles fóra de casa.