viernes, 22 de octubre de 2010

Recollemos as felicitacións dende o blog de Jaime Cabeza polo éxito da UVigo no proxecto Campus do Mar

"Hai días nos que os silencios poden ser malinterpretados. Non teño máis que engadir ao éxito da Universidade de Vigo no Campus do Mar do que xa se ten dito, por activa e por pasiva, noutros ámbitos e por outras persoas e institucións. Pero sinto a obriga de reiteralo. A Universidade de Vigo deu hoxe un banzo decisivo. Desde logo importaba moito o éxito na convocatoria, por máis que, prudentemente, se nos situara no escenario de non recibir achegas derivadas de seleccionarmos como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR.
Xa está e hoxe é día de felicitacións a toda a comunidade universitaria e a todas as institucións e persoas que participan no proxecto. A selección é ademáis un motivo de responsabilidade colectiva, para que a Universidade de Vigo poida e saiba estar á altura das circunstancias. Ningún proxecto levantou nos últimos anos en Vigo e na contorna un nivel semellante de apoio cidadán e institucional e toca non defraudar. Ten que valer, desde logo, para a nosa proxección externa, pero máis para a nosa consolidación e para o noso crecemento interno. Para que se desenvolva desde a Universidade un labor docente e investigador de primeira liña, no que os nosos grupos de investigación, grandes e pequenos se consoliden e poidan progresar armónicamente.
É marabilloso o resultado logo dun esforzo colectivo. Pero que se me permita hoxe personalizar os meus parabéns e a miña gratitude en Emilio Fernández. Discretamente foi tecendo un proxecto ambicioso no que aportou moito traballo, moita habilidade nas relacións personais e institucionais e moito rigor. Todo ao servizo dun fin que hoxe xa se vai materizalizando. En fin, expreso con gusto tamén meu aplauso a Alberto Gago e a Salustiano Mato, como líderes da nosa entidade e cabezas visíbeis de Campus do Mar".

jueves, 21 de octubre de 2010

miércoles, 13 de octubre de 2010

CONSELLO DE GOBERNO 13/10/10

NU LEMBRA AO REITOR O SEU COMPROMISO DE AUSTERIDADE EN CARGOS  E PREGUNTA POLA ASISTENCIA TÉCNICA DO EX VICEXERENTE DO CAMPUS DE OURENSE

As reubicacións de ex vicexerentes e os postos políticos son motivo de intervención en Consello de Goberno do líder de NU, Jaime Cabeza,  que requeriu ao reitor información sobre a asistencia técnica de Miguel Diéguez que ocupou no mandato de Gago este posto no campus de Ourense para que se aportasen os dados da duración, contido e contía do contrato.
Austeridade en cargos e non recortes en convocatorias de investigación, fondos de biblioteca ou aglutinación en Profesorado de varias direccións mentres xurden novos postos recolocando ex cargos do equipo de goberno precedente de AU baleiros de competencias. Dous novos comisionados, de Coordenación Interna e Novos Proxectos, indican o engorde non explicado en campaña por AU e agora Nova Universidade pide explicacións, sen que o reitor acertara a explicar os contidos do labor destes entes.
A pregunta de NU con respecto aos comisionados referiuse ás funcións e necesidade dun terceiro que se mantén: Plan Estratéxico. Dito plan xa foi elaborado por un equipo dirixido polo actual vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García Vázquez, e únicamente se trata de proseguer coa súa aplicación. Desde a perspectiva de NU este cargo é claramente redundante e ademáis reflicte unha compensación por servizos prestados en campaña.
No punto terceiro sobre a creación da Escola de Enxenería Industrial (EEI)  para o que non se aportou ninguna información o representante de NU, Alejandro Pereira ,  indicou que  “é tan sinxelo como introducir un link a Escola de enxeñería Industrial” e pediu información verbo dos prazos correspondentes ao período transitorio definido na memoria de creación da EEI.  A vicerreitora evidenciou que non ten ningún plan ao respecto. Outra das preguntas de Pereira neste epígrafe foi na liña da planificación da asignación e ubicación dos distintos graos ás distintas sés e se se repetería o procedemento de sorteo que se fixo no caso dos alumnos.
Xa en rogos e preguntas Cabeza recordou ao reitor a súa promesa de campaña de que se pagarían íntegramente as pagas extras ao PDI da UVigo e Armando Caballero lembrou máis promesas incumpridas referidas ao acceso automático e en tempo real á información dos proxectos de investigación. Caballero tamén incluiu neste punto a necesidade de sincronizar a incorporación de docentes en ano sabático o arranque de curso así como o reaxuste no calendario do prazo de matrícula dos masters . Neste tema Enrique Barreiro enfatizou o barullo que se ten montado ao redor do inicio dos posgraos.
Cabeza solicita información sobre a definición clara das competencias das distintas vicerreitorías a consecuencia de que o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade defendeu o curso de “Especialista en empresa familiar”. Non se entende ben que os títulos propios non lle correspondan a vicerreitoría Organización Académica, Profesorado e Titulacións.
Os recortes dos fondos das bibliotecas tamén foron motivo de intervención de NU que require unha vez máis ao reitor o cumprimento do seu programa electoral onde no eixo 2 de Alumnado e Docencia se comprometía a “incrementar o uso e os fondos da biblioteca”.

miércoles, 6 de octubre de 2010

NOTA DE PRENSA ASEMBLEA


JAIME CABEZA RATIFICADO POR ACLAMACIÓN COMO COORDENADOR DE NOVA UNIVERSIDADE

A formación Nova Universidade celebrou unha asemblea na tarde de hoxe na que Jaime Cabeza resultou ratificado como líder da mesma logo de poñer o seu cargo a disposición dos presentes.

Na mesma reunión se fixo un repaso dos resultados acadados nos distintos campus e centros das últimas eleccións a Reitor da Universidade de Vigo.

Na análise realizada por NU se valoraron positivamente os resultados dunhas eleccións nas que se perdeu por 117 votos e se mellorou  substancialmente a porcentaxe de apoios nos tres campus.

Os membros da asemblea quixeron amosar a Jaime Cabeza, “o seu agradecemento polo que fixo e confianza polo que vas a facer”, manifestando a “ilusión e unión” do grupo por “administrar o caudal de votos obtidos e iniciar un traballo acreditado de control e impulso de iniciativas” para Universidade de Vigo. Indicouse que foi un campaña limpa, coherente e correctamente realizada.

No encontro NU acordou nomear como portavoz no claustro a Mónica Valderrama e representantes de campus de Ourense e Pontevedra os que foran candidatos a vicerreitores, Margarita Pino e Enrique Barreiro, respectivamente. 

NU sinala que “estamos no bo camiño” facendo o seu labor comprometido co servizo público a través dos seus representantes nos órganos de goberno, nos campus e nos centros cunha “Cabeza visible” no conxunto da UVigo.

Momentos da reunión.