miércoles, 16 de febrero de 2011

Plan de promoción e "normativa de recoñecemento"

O Consello de Goberno do luns 14 tivo dous puntos centrais:

O primeiro deles, referido ao plan de promoción. Apoiamos que se leve a cabo un Plan de Promoción para consolidar a bolsa de investigadores IPP, RC e axudantes. Porén, deixamos claro que non compartimos o xeito de levalo a cabo. Cuestionamos que o "Plan de Choque" mencionado no programa de goberno de AU non é tal, xa que a proposta é continuista con lixeiras modificacións, en todo caso máis restritivas que as do ano pasado, ao se pedir agora unha antiguidade de 3 anos, no canto da antiguidade dun ano requerida na edición anterior. Indicamos que o Plan crea unha enorme inseguridade nos investigadores, xa que as normas cambian de cotío, e depende tremendamente das vicisitudes cada ano. Por iso, fixemos unha proposta alternativa baseada en criterios e non en cupos. Esta proposta é a que consta no programa de goberno de NOVA. Mais o dito, tras as explicacións da vicerreitora de profesorado e do reitor verbo da súa planificación para o futuro e o compromiso do reitor de manter o plan actual durante 2 ou 3 anos, así como comezar a organizar un sistema de consolidación consensuado baseado en criterios de calidade, decidimos retirar a nosa proposta e aprobar por consenso a do Goberno.

O outro punto central da orde do día foi o referente á “normativa de recoñecemento” de actividades aos efectos de POD. Ou, como se denominou tradicionalmente, normativa de desgravacións. Dado o seu carácter marcadamente continuista, como ben recoñeceu a vicerreitora de profesorado, Nova Universidade non a votou favorablemente. O voceiro Jaime Cabeza avaliou positivamente que se lle denomine normativa de “recoñecemento” mellor que de “desgravacións” no que ten de simbólico. Alén deste avance, e dalgunha pequeña mellora técnica que cómpre recoñecer, é máis do mesmo. O que resulta particularmente preocupante cando o programa de AU nas eleccións comprometera que todos os posgraos e o programa de maiores computaría en POD. Ademáis Cabeza lle recriminou que segue na andaina de favorecer aos grupos grandes en detrimento dos pequenos e que máis de cen profesores/as da nosa Universidade non dan ningunha clase. Nova Universidade solicitou que se emendara a normativa para expresar que, agás o reitor e os vicerreitores/as, todo o PDI debería dar como mínimo 30 horas. Non é moito, pero si un pequeno avance, na liña de evitar unha excesiva acumulación de desgravacións. O equipo de goberno accedeu a incorporar esta emenda. Polo demáis, o reitor comprometeu a elaboración dunha política global de cómputo das actividades do PDI na que se terían en conta todas as súas obrigas. É, desde logo, unha proposta que se achega aos nosos eixos programáticos. Cabeza preguntoulle ao reitor se, neste escenario, podía garantir que os masters profesionalizantes computarían, cando menos, como a docencia no grao. Como Salustiano Mato non se comprometeu apelando a unha “interpretación distinta” do seu compromiso electoral, os membros de NU no Consello abstivéronse. Ou, por falar con máis precisión –como expresou un compoñente do Consello-, votou en branco, nunha postura crítica pero que lle da ao goberno unha marxe de confianza.

Solicitamos que para as axudas de bolsas de máster da universidade se pague a dotación total anual (7.092 euros) no canto de prorratear a dotación ao período 1 de xaneiro a 31 de xullo (uns 4000 euros), tal e como se está facendo. A convocatoria das bolsas indica que a súa duración é de dous anos (1 de xaneiro de 2011 a 31 de decembro de 2012) pero unha corrección reitoral asinada en setembro apunta que a bolsa non poderá gozarse despois da finalización do curso académico, é dicir, o 31 de xullo para os masters anuais. Dado que os masters empezaron o 13 de setembro non se debería considerar o inicio da bolsa en xaneiro e por iso solicitamos o pago íntegro anual. A vicerreitora de Investigación respondeu que están a ver como levar a cabo o pago íntegro.

martes, 8 de febrero de 2011

Carta a PDI

Leídas polo noso grupo as reflexións do Sr. xerente da Universidade de Vigo para xustificar a decisión de non pagamento de todos os conceptos do complemento específico nas pagas extraordinarias, Nova Universidade quere formular as seguintes
valoracións:

1ª.- Desde antes do Nadal se pediu por sinaturas dos e das claustrais a inclusión dun punto da orde do día relativo precisamente a esta materia. Unha interpretación sesgada do art. 13 do Regulamento do Claustro que reflicte un pensamento nada democrático do Equipo de Goberno serviu de coartada para non debater  este tema no Claustro de decembro. Nova Universidade esixe que se convoque axiña o Claustro incluíndo, como cómpre, este punto solicitado por sinaturas.

2ª.- Nova Universidade esíxelle ao Sr. reitor da Universidade de Vigo e ao seu grupo, Alternativa Universitaria, o cumprimento do seu programa electoral. Por suposto, tamén dos compromisos que adquiriron en canto ao importe das pagas extraordinarias. E con independencia, evidentemente, do que declaren os xuíces, verbo da eventual obriga de pagar diferenzas nos anos 2007 a 2009. Tema este absolutamente distinto e do que, certamente, non cabe outra alternativa que estar ás decisións xudiciais.

3ª.- O noso grupo rexeita que sexa o Sr. xerente o que renda contas nesta materia, reflectindo así  a pouca valentía do Sr. reitor ao se desdicir de compromisos que adquiriu diante da comunidade universitaria. Cómpre esixirlle ao Sr. Mato que amose a mesma valentía política que el demanda de outros responsables públicos e que se explique persoalmente canto antes. E engadirlle ao Sr. xerente que clarexe por que lle chama "independente" ao informe encargado polo seu grupo de goberno.

4ª.- Nova Universidade lamenta que se responsabilice únicamente na persoa do Sr. xerente a decisión do non pagamento íntegro das gratificacións extraordinarias, tendo en conta que o Sr. xerente é un cargo de libre designación. Se actúa en contra da vontade do goberno nun tema tan concreto e coñecido, a saída digna que cabe é impor a postura do goberno ou, no seu caso, retitarlle a confianza ao Sr. xerente.

5ª.- Nova Universidade asumiu no seu programa o mesmo compromiso de pagamento íntegro da parte correspondente ao complemento específico nas pagas extraordinarias. E mantén que se pode facer, unicamente hai que ter vontade política. É máis, asumiu este compromiso logo de coñecer informes do Ministerio de Educación e do Ministerio de Economía que expresamente autorizan ás Universidades para que procedan ao seu pagamento. Informes que, desde logo, estamos en condicións de exhibir públicamente.

6ª.- Nova Universidade pregúntase se o Sr. reitor de verdade cree que a maioría dos reitores e reitoras do Reino de España actuaron de xeito contrario á lei ao decidiren pagar nas súas Universidades o controvertido complemento na súa contía total. Nós máis ben acreditamos que o que decidiron facer é pagar o que consideraron que en xustiza lle corresponde ao persoal das súas Universidades, obviamente tras se asesoraren adecuadamente, e decidir os seus xerentes a fórmula axeitada para facelo. É máis, o que fixo algún deses reitores foi, simplemente, cumprir o seu programa electoral.

Vigo, a 7 de febreiro de 2011

Nova Universidade