miércoles, 20 de junio de 2012

Comentarios sobre o Consello de onte

Os medios locais recollen nos seus titulares de hoxe a importancia da flexibilización do pago das matrículas en seis prazos como medida máis importante do Consello de onte, proposta aprobada por unanimidade.
Nesta ocasión os temas tratados ían ser abordados de xeito moi tranquilo xa que non había cuestións de transfondo político senón simples asuntos de trámite que previamente tiñan sido acordados con NU  nas respectivas comisións de investigación e profesorado.

Respecto ao informe do reitor temos a obriga de facer notar a incerteza que transmite o goberno de AU no referente á aplicación da modificación da Lei de Universidades e sobre as medidas de austeridade propostas para as que se solicitou que se pospoñan para curso académico seguinte.

No punto referido á aprobación dos criterios de liquidación do orzamento de 2011 o xerente transmitiu  sensación de liquidez e contas consolidadas dentro dos recortes orzamentarios acaecidos nos últimos anos. Neste sentido, Jaime Cabeza, sen ánimo de polemizar,  pediu  que se racionalizasen e se pensase nos entes instrumentais da Universidade como son CUSA, Citexvi e a fundación FUVI, e puxo no tinteiro a pregunta  de ata que punto é necesario máis dun?

Por outra banda modifícase o regulamento de creación de empresas de base tecnolóxica, coa particularidade de ampliar o ámbito ás spin-off que leva a apertura de calquera tipo de empresa  podendo ser promocionado por calquera  investigador da Universidade de Vigo. Apróbase tamén o regulamento de patentes e ordénase o dislate existente nos grupos de investigación actualmente existente na Universidade de Vigo. Alejandro Pereira pregunta polo procedemento de inclusión de investigadores doutras entidades ao que a vicerreitora responde que dita figura plásmase coa inclusión de investigadores colaboradores. Jaime  agradece dita ordenación e felicita ao equipo reitoral polo devandito traballo.

lunes, 11 de junio de 2012

CARTA Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA DE JAIME CABEZA


METADE DE MANDATO
Nas datas nas que o mandato de Salustiano Mato atravesa seu Ecuador, non vou nesta mensaxe avaliar estes dous anos, por moito que sen dúbida miña impresión é ben coñecida, centrada no deterioro que segue a sofrer a Universidade de Vigo, basicamente nos seus aspectos máis académicos. O obxecto é outro, de caste máis persoal, no que simplemente quero expresar que non me vou postular como candidato a reitor para as eleccións do 2014.
Ao que debo engadir que os motivos que me levan a adoptar esta decisión son exclusivamente personais. Dame moito pudor expresar en público aspectos que atinxen á miña vida privada e voume aforrar  expoñelos públicamente. Teño que recoñecer que nestes meses a política universitaria non é unha das miñas primeiras preocupacións e iso debe ser incompatible cunha pretensión de ser candidato en pouco tempo. E engadir que nos vindeiros anos vou centrar meus esforzos noutros aspectos cualitativamente diferentes dos que atenderon miña atención, penso que con forte implicación e paixón, desde o 2009 ate hoxe.
Dito isto, non cabe dúbida de que manteño meu compromiso de liderar Nova Universidade e a oposición ao goberno da Universidade de Vigo ata que o meu grupo tome as decisións que correspondan, sen presas nen improvisacións.  A nosa querida institución merécese algo moito mellor que este grupo que hoxe, por desgraza, nos goberna, sen dúbida en gran parte pola miña incapacidade para transmitir un programa alternativo. Ábrese un tempo de diálogo coa comunidade universitaria, de reflexión conxunta para proxectar o futuro e un cambio que satisfaga a súa maioría e, máis en xeral, á sociedade á que nos debemos.
Eu non teño senón palabras de agradecemento para todas as persoas que traballaron e traballan arreo conmigo no proxecto de Nova Universidade. No que eu, desde logo, acredito. Penso que atopei moitos compañeiros e compañeiras e hoxe teño amigos e amigas a cachón, logo desta experiencia persoalmente tan arriquecedora. Xente comprometida desinteresadamente –insisto, desinteresasamente, porque isto é un sinal diferenciador noso- cun modelo de Universidade máis académico e máis centrado no seu labor fundamental no Espazo Europeo de Educación Superior.
Por suposto, xa que logo, o que anuncio é que non me vou postular como candidato a reitor, pero nada máis. O grupo ben coñece –xa lle o transmitín expresamente- que manteño a miña adhesión a el. Nos vindeiros meses, e agás que outra cousa se decida, vou ser eu o seu voceiro nas instancias formais e informais da Universidade. Eu estou certo de que, nun futuro a medio prazo, Nova Universidade vai establecer sinerxias e tender pontes para que as posicións críticas cuallen na presentación dun modelo de cambio e exitoso para a Universidade de Vigo.
Jaime Cabeza Pereiro