martes, 2 de abril de 2013

NOVA UNIVERSIDADE EXPRESA O SEU ABSOLUTO DESACORDO COAS POLÍTICAS DE PROFESORADO DO EQUIPO REITORAL




Ninguén acreditaría no 2010 na imaxe dun reitor axeonllado ante o Conselleiro de Educación e a Conselleira de Facenda. Pero así son as cousas. A política de vasalaxe de Salustiano Mato diante da Xunta do Partido Popular é un in crescendo que chegou a cotas incríbeis. O “eu non quero” hipócrita do gobernante que se aplica en corpo e alma á execución do Decreto Wert coa énfase do meritorio que quere facer os deberes mellor que ninguén constitúe o mellor resumo destes anos do actual reitor. A desculpa do profeta do pensamento único.
Por suposto, os reitores da Coruña Armesto e de Santiago Casares Long actúan con irresponsabilidade e trabúcanse, segundo o noso reitor. Xa pagarán as consecuenzas. En realidade, o Consello de Universidades ten hoxe dous bandos: nun deles están as Universidades de Santiago e da Coruña e no outro a Xunta e a Universidade de Vigo. A nosa, convertida en altoparlante das mensaxes do gabinete Feijóo: as amortizacións e os despedimentos de PDI son un mal necesario, pero un mal menor. E tamén en altoparlante dos ministros Wert e Montoro.
O reitor, convetido no brazo executor das decisións de Novos Ministerios e de San Caetano, compórtase logo a nivel interno coa prepotencia característica dun delegado territorial: con imposicións e sen ningún diálogo. Nova Universidade non entra nas conversas e supostas negociacións coas organizacións sindicais. As dúas partes saberán se houbo negociación ou non, como expresan os órganos representativos. O que si quere salientar é que non abriu ningunha canle de consulta co noso grupo, que representa a máis do 47 por 100 desta Universidade. Pero xa se sabe que corren malos tempos para as minorías…
Causa perplexidade que o conselleiro de Educación poña á nosa Universidade como exemplo do bon facer. É para tremer e para decatarse de que algo vai moi mal. Pero, en verdade, Salustiano Mato xa o anunciara no 2010, cando falaba da graxa na Universidade. Xa hoxe sabemos a que se refería: ao PDI asociado, ao PDI ao que non se lle concedeu a oportunidade de facer carreiras investigadoras, ao PDI en formación nas áreas deficitarias, aos PAS “preguizosos”... A tarefa de amortizacións na que se meteu a entende como unha liposucción.
Que vaia haber un despedimento masivo é a crónica dunha morte anunciada. Por desgraza, a confirmación do que Nova Universidade ven denunciando desde xa hai moito tempo. Unhas políticas sistemáticamente opresivas contra o PDI máis feble e indefenso, incrementándolle aínda máis a docencia do que sería acaído nun recto entendimento do decreto Wert. Namentras se incrementan as deduccións aos insiders e as regalías polo desenvolvemento –actual ou pasado- de cargos de por si retribuídos e abondo compensados, oprímese máis aos outsiders. Ben compriría diminuír algo as cargas docentes máximas a conta de excesos evidentes nos descontamentos docentes. E, desde logo, consensuar coas universidades de Coruña e Santiago unha postura común no tema do decreto Wert. Non era o noso reitor o que falaba do sistema universitario galego?. Ú o está?
Nova Universidade constata unha vez máis que a única política de PDI do actual goberno é a de premiar aos seus afíns. Como xa temía. Onde quedou o compromiso racionalizador? A carga básica de posgrao? A normalización do cadro de persoal? A consideración do real traballo que fai o PDI? Ubi sunt? Namentres, está en perigo o relevo xeracional coa eliminación práctica da figura dos axudantes universitarios, cos insuficientes medios de docencia nos centros menos dotados de PDI, coa multiplicación de profesorado atípico –listas de agarda, profesores invitados, contratos de poucos meses ou aínda semanas- Unha senlla precarizadora que creceu exponencialmente nestes anos.
Expresaban hai días fontes da reitoría, como defensa ridícula do reitor, que na UVigo unicamente hai 255 profesores asociados. Nós recomendaríamoslle que, se é así, non o dixera. Porque recoñece que en termos de docencia a Universidade non ten  aporte real dos profesionais da contorna. É todo máis doado: o profesorado asociado foi substituído por unha enxurrada de listas de agarda das que fuxen, obviamente, os mellores profesionais. Ademáis, moitos dos asociados que aínda quedan –e que van ser despedidos en xullo- non son senón profesorado en formación, que entrou por canles impropios na Universidade cando se cegou a carreira ordinaria do profesorado axudante. Cando se amorticen todos os asociados, teranse despedido as ilusións e máis os esforzos de moitos profesores en formación. Nada importante…a graxa.
Nova Universidade quere expresar a intensa tristura que sinte por quen goberna a nosa Universidade.  Quere expresar a súa solidariedade co profesorado atípico en formación e a súa denuncia dunhas políticas demagóxicas, inxustas, sumisas co poder e absolutamente contrarias aos intereses do PDI e do alumnado da Universidade. E, por riba de todo, quere dicir que existe outro camiño. Que as lesión sao PDI non son necesarias, senón gratuítas.