Mostrando entradas con la etiqueta docencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta docencia. Mostrar todas las entradas

martes, 18 de enero de 2011

NU di “non” ao continuismo en política docente de AU en Consello


Consello de Goberno 18/01/2011

Nova Universidade dixo “non” ao continuísmo na política docente de Alternativa por favorecer a desigualdade entre titulacións e que o equipo de Goberno non cambiou, tal e como a propia vicerreitora recoñeceu. O pasado ano prometérase que habería unha profunda modificación para afrontar o cómputo de docencia baseado en TMG (tamaño medio de grupo). NU manifesta a súa total oposición ao sistema actual no que se producen enormes desequilibrios entre os estudos con gran número de alumnos e os que pola contra están con exceso de docentes en relación coa matrícula. A inxustiza deste cómputo levounos a reclamar novamente un reprantexamento ao equipo de Goberno e a votar negativamente tras a abstención do ano pasado, no que confiamos nunha promesa, agora se comprobou, incumprida. Mantendo como unidade o grupo, sen ter en conta que pouco ten que ver un grupo de 90 alumnos cun de 10 para a carga docente.
A proposta de NU, por tanto, é que sexa o ALUMNO a unidade de referencia, dado que debe ser este o eixo que estrutura a Universidade e que parece esquecerse.

O outro tema a destacar do Consello desta mañá son as normas para a concesión de ano sabático, no que NU se abstivo debido fundamentalmente a que consideramos que non pode cada ano decidir a comisión as pautas para dar ou denegar esta posibilidade a un profesor senón que debe elaborarse un regulamento. De feito, os criterios anuais son tan amplos que lle deixan á comisión absoluta discrecionalidade. NU considera que o feito de que cada ano dependa dunha comisión sen unhas pautas ben definidas produce unha inseguridade xurídica que non apoiará. Segundo o propio reitor, el pensa involúcrarse persoalmente para que esta demanda de NU se atenda e se establezan criterios permanentes.

Consello extraordinario
Da reunión extraordinaria que tiña como único punto a modificación do regulamento do Consello de Goberno só queremos salientar que se presentou como propia (Ana Graña) unha iniciativa de Nova Universidade. Na reunión precedente Jaime Cabeza indicou que sería máis acaído que os criterios de maior antiguidade, seguido do de idade -para dirimir o último posto da comisión, en caso de empate- utilizar a lóxica da paridade e só os anteriores como supletorios en caso de igualdade. Ana Graña aportaba e “vendía” a iniciativa como do seu grupo, e por iso simplemente cómpre lembrar neste blog que foi NU e non AU quen considerou a igualdade de sexos como argumento, sen máis.



viernes, 5 de marzo de 2010

MÁSTERS PROFESIONALIZANTES E REGLAS POUCO PROFESIONAIS

As normas de “desgravacións” de másters “profesionalizantes” son para rir ou para chorar, segundo o humor de cada quen, pero non para tomar en serio. Seguro que o equipo de goberno tampouco se toma en serio esta proposta. Simplemente, está de coña coa comunidade universitaria. Quere que a posibilidade de desgravación estea no papel pero non na realidade. Cada nova que temos deste tema resulta máis abracadabrante e a un xa se lle esgotan os calificativos. Unicamente cabe pedirlle aos responsables desta desfeita que, por favor, deixen de facer o parvo.

Xa non vou falar de elementos cuantitativos: no mellor dos casos, 300 horas de docencia. Pero, se o máster ten 60 cretos –por exemplo- iso implica un cómputo irrisorio, de xente que simplemente non está na realidade dos posgraos e que unicamente fía todo ao voluntarismo do PDI. E, claro, só cando se deu clase un ano a custe cero cabe logo aplicar esta “desgravación”. Porque xa se sabe que dar clase nun máster non é docencia, é unha “desgravación”, isto é, ter menos clases. Alguén o entende?

Aínda máis: se o máster xa funcionou, pero se lle pagou ao PDI, non cabe pasar a “desgravación”. Para chegar a esta, hai que pasar un ano dando clase de moca. Polo tanto, se se pagou, hai que purgar a culpa un ano antes de poder “desgravar”, isto é, colacionar a docencia. O que resulta incomprensible: desde o primeiro ano se pode pagar, sen que se esixa carencia de ningún tipo. E se se pagou, non foi sempre porque se quixera, senón porque non se deu outra opción.

Por suposto, a comisión do máster pode incumprir todos os seus compromisos, deixar de pagar a quen se lle comprometeu que se lle pagaría e así chegar á “terra prometida” da “desgravación” de 300 horas. Esta é a proposta dos voceiros do equipo de goberno. Claro, como ao equipo de goberno non lle interesa se as comisións cumpren ou non seus compromisos, tanto ten.

En conclusión: non vai haber no 2010-2011 másters profesionalizantes que “desgraven” en docencia. O goberno outra vez marcou as cartas antes de repartilas. E logo dirá, para esperpento colectivo, que é que ninguén quere que os másters se conten como docencia ordinaria.

Fixen o propósito persoal de estudar de boa fe a proposta para tentar alzar a suspensión do máster en xestión e dirección laboral. Non vai poder ser. Mágoa que á Universidade de Vigo non lle interese o máis mínimo. A min si que me interesa. Non o de Xestión e Dirección Laboral, senón todos. E me indigna esta desfeita que segue a facer esta manda de indocumentados.

lunes, 1 de marzo de 2010

“DESGRAVACIÓNS” POR DIRECCIÓN DE PROXECTOS DE FIN DE CARREIRA E OUTRAS “DESGRAVACIÓNS”

Chegoume a rexouba de que era intención de Nova Universidade e de min mesmo a de eliminar as desgravacións por proxectos de fin de carreira e outras desgravacións por labor doncente. Nada máis lonxe da realidade.

Seguro que as mensaxes non chegan nidiamente porque non as transmitín coa claridade necesaria. O que quixen dicir é simplemente que o feito dos profesores dirixiren proxectos de fin de carreira non ten que ser unha desgravación, senón computar directamente como obriga docente. É dicir, ten que contar de feito máis do que conta.

A dirección persoalizada de proxectos e outros traballos é un labor pouco recoñecido e, desde logo, absorbente. Hoxe nos reunimos co equipo directivo da Escola de Telecomunicacións e comentabamos que compría modificar o concepto de crédito por grupo de docencia por crédito por alumno/a como unidade de medida. É dicir, que non é o mesmo impartir docencia a 100 persoas que impartila a cinco. O cómputo ten que ser distinto. E tanto máis distinto na docencia de grao e posgrado.

Nestas coordenadas, é máis natural e doado o cómputo da dirección de proxectos de fin de carreira. Porque encaixa sen problemas no concepto crédito alumno. Claro que ten que computar! Ou acaso non é parte da nosa función docente?

Polo tanto, defendemos que compute. O que queremos é un cómputo de docencia transparente e sen as trampas do sistema actual.

martes, 23 de febrero de 2010

CENTRO DE POSGRAO

Xa expusen algunhas veces as críticas á política das silveiras que se ten feito estes catro anos no tema do posgrao. Toda semellanza cunha estratexia reflexiva de que oferta de posgrao require a Universidade de Vigo é mera coincidencia. O máster urxe boa gobernanza para que no cuatrienio 2010-2014 a nosa institución estruture unha oferta harmónica, planificada, sinérxica e socialmente responsable. No ámbito das titulacións, nos vamos xogar a partida do posgrao. Sen esquecer, por suposto, a implantación canto máis ortodoxa poidamos dos graos.

Neste contexto, hai que racionalizar recursos, conxugar esforzos e dinamizar a oferta. Para afrontar estes obxectivos ambiciosos, hai que proxectar a idea dun centro de posgrao. Isto é, un centro de seu, cunha entidade similar á que teñen os centros nos que na actualidade se imparten graos, posgraos, diplomaturas ou licenciaturas, pero que leve a marca do posgrao na Universidade de Vigo. Non cómpre nunha primeira fase que todos se abeiren neste centro, abonda con que naza cun pequeno feixe de másters, pero con azos de espallamento. Para que, co tempo, sexa un centro referencial.

Leín que Emilio Fernández proxecta esta idea para o Campus do Mar. Será un marabilloso xérmolo e alicerce doutro centro máis xeralista. A optimización de recursos é evidente, e tamén as complicidades entre uns másters e outros, a consecución dun know-how e a formación dun persoal directivo e de servizos especializado. Claro que a idea require esforzo planificador, amplitude de miras e xenerosidade do PDI e do PAS, para pór en mancomún as iniciativas de toda a comunidade universitaria. Desde logo, os estudantes serían directos beneficiarios, e tamén a nosa capacidade investigadora.

Mágoa que o goberno de Alternativa Universitaria optara por amortizar a nosa presenza física no centro de Vigo. Nun contexto diferente, o centro de posgrao podería ademáis amparar a formación continua, nun diálogo máis fluído coas necesidades formativas da nosa sociedade civil. Porén, aínda e tempo de dotarmos de estruturas necesarias e racionalizadoras. Onde sexa.