Mostrando entradas con la etiqueta traballo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta traballo. Mostrar todas las entradas

lunes, 1 de marzo de 2010

“DESGRAVACIÓNS” POR DIRECCIÓN DE PROXECTOS DE FIN DE CARREIRA E OUTRAS “DESGRAVACIÓNS”

Chegoume a rexouba de que era intención de Nova Universidade e de min mesmo a de eliminar as desgravacións por proxectos de fin de carreira e outras desgravacións por labor doncente. Nada máis lonxe da realidade.

Seguro que as mensaxes non chegan nidiamente porque non as transmitín coa claridade necesaria. O que quixen dicir é simplemente que o feito dos profesores dirixiren proxectos de fin de carreira non ten que ser unha desgravación, senón computar directamente como obriga docente. É dicir, ten que contar de feito máis do que conta.

A dirección persoalizada de proxectos e outros traballos é un labor pouco recoñecido e, desde logo, absorbente. Hoxe nos reunimos co equipo directivo da Escola de Telecomunicacións e comentabamos que compría modificar o concepto de crédito por grupo de docencia por crédito por alumno/a como unidade de medida. É dicir, que non é o mesmo impartir docencia a 100 persoas que impartila a cinco. O cómputo ten que ser distinto. E tanto máis distinto na docencia de grao e posgrado.

Nestas coordenadas, é máis natural e doado o cómputo da dirección de proxectos de fin de carreira. Porque encaixa sen problemas no concepto crédito alumno. Claro que ten que computar! Ou acaso non é parte da nosa función docente?

Polo tanto, defendemos que compute. O que queremos é un cómputo de docencia transparente e sen as trampas do sistema actual.

martes, 23 de febrero de 2010

CENTRO DE POSGRAO

Xa expusen algunhas veces as críticas á política das silveiras que se ten feito estes catro anos no tema do posgrao. Toda semellanza cunha estratexia reflexiva de que oferta de posgrao require a Universidade de Vigo é mera coincidencia. O máster urxe boa gobernanza para que no cuatrienio 2010-2014 a nosa institución estruture unha oferta harmónica, planificada, sinérxica e socialmente responsable. No ámbito das titulacións, nos vamos xogar a partida do posgrao. Sen esquecer, por suposto, a implantación canto máis ortodoxa poidamos dos graos.

Neste contexto, hai que racionalizar recursos, conxugar esforzos e dinamizar a oferta. Para afrontar estes obxectivos ambiciosos, hai que proxectar a idea dun centro de posgrao. Isto é, un centro de seu, cunha entidade similar á que teñen os centros nos que na actualidade se imparten graos, posgraos, diplomaturas ou licenciaturas, pero que leve a marca do posgrao na Universidade de Vigo. Non cómpre nunha primeira fase que todos se abeiren neste centro, abonda con que naza cun pequeno feixe de másters, pero con azos de espallamento. Para que, co tempo, sexa un centro referencial.

Leín que Emilio Fernández proxecta esta idea para o Campus do Mar. Será un marabilloso xérmolo e alicerce doutro centro máis xeralista. A optimización de recursos é evidente, e tamén as complicidades entre uns másters e outros, a consecución dun know-how e a formación dun persoal directivo e de servizos especializado. Claro que a idea require esforzo planificador, amplitude de miras e xenerosidade do PDI e do PAS, para pór en mancomún as iniciativas de toda a comunidade universitaria. Desde logo, os estudantes serían directos beneficiarios, e tamén a nosa capacidade investigadora.

Mágoa que o goberno de Alternativa Universitaria optara por amortizar a nosa presenza física no centro de Vigo. Nun contexto diferente, o centro de posgrao podería ademáis amparar a formación continua, nun diálogo máis fluído coas necesidades formativas da nosa sociedade civil. Porén, aínda e tempo de dotarmos de estruturas necesarias e racionalizadoras. Onde sexa.

domingo, 31 de enero de 2010

XUBILACIÓNS

De novo se pon en marcha a engranaxe de modificación do sistema de Seguridade Social e se quenta un debate que requeriría máis sosego e menos ideoloxía da que moita xente lle quere aportar. Porque, con todas as súas contradiccións, o sistema de Seguridade Social é o sinal de identidade máis fundamental que ten o noso Estado Social. Xogar a aprendiz de bruxo nesta materia é un exercicio ben irresponsábel e pouco construtivo. O modelo de reforma constante e consensuada implantado cos Pactos de Toledo a partires do 1995 constitúe a garantía de que se manterá o sistema público de Seguridade Social, que herdarán os nosos fillos nesta sorte de solidariedade interxeneracional que supón o sistema público.

Temos ventaxa con outros Estados europeos. O noso baby-boom adiouse ata os anos sesenta e a xeración que se está a xubilar estes anos é a da posgruerra, isto é, a que non naceu. É por iso que os riscos e os desequilibrios do noso sistema resultan, a día de hoxe, menos inmediatos do que sucede, vg., en Alemaña ou en Francia. Porén, hai que estar vixiantes para asumirmos cantos menos perigos mellor. E, no Método Aberto de Coordenamento artellado a nivel europeo, intercambiar información e boas prácticas e planificar e avaliar en común. É certo que outros Estados, como a República Federal de Alemaña, xa adiaron a xubilación aos sesenta e sete anos.

Terémolo que facer nós? Probablemente. Ou, máis ben, case seguro que si a medio prazo. Quixera lembrar que cando se estableceu o primeiro seguro público de xubilación no Reino de España, o Retiro Obreiro do 1919, a ida de retiro era de sesenta e cinco anos. Mais nun tempo no que a esperanza de vida roldaba os 45 anos. A xubilación muduo desde aquela a súa significación moitísmo, pero non se pode dicir que sexa ilexítimo discutir este tópico. Tamén é certo que os 65 anos constitúen un dos elementos máis simbólicos do noso sistema de benestar.

O documento do Goberno abre unha reflexión, con outros factores: cálculo da base reguladora –que conten máis de quince anos para calcular a contía da pensión- limitacións necesarias das prexubilacións, reformas importantes na viuvez –hai que cambiar radicalmente o modelo- e na orfandade-. Eu engadiría algúns máis necesarios, entre eles a avaliación dos efectos da xubilación anticipada, o cuestionamento do modelo do desemprego, ou a entidade das prestacións familiares. Dito documento vai ser obxecto de debate na subcomisión do Senado dos Pactos do Toledo, de negociación nas mesas de diálogo social e de discusión parlamentaria. Sen dúbida, neste longo camino parte dos obxectivos máis radicais se van limar.

Con todo, que desde 2013 se introduza paseniñamente un alongamento das vidas activas e un afastamento da idade de xubilación ordinaria, ao redor de dous meses por ano, non supón un cuestionamento do noso modelo de benestar. É unha ferramenta máis, como o cerco ás prexubilacións ou outras medidas para que, de feito, as persoas traballadoras se aparten do mercado de traballo aos sesenta e cinco e non aos sesenta e dous anos e medio. No fondo, a única pregunta encol da idade ordinaria é se ese proceso de retraso aos sesenta e sete anos vai comezar no 2013 ou no 2020-2025. Porque quizáis, e na miña opinión, aínda hai marxe para esperar uns anos.

E logo están outras medidas para facer un mercado de traballo máis inclusivo e para que máis persoas contribúan: emprego da xuventude, da muller, da poboación inmigrante, traballo sulagado, estabilización de contratos temporais, prestacións familaires e de natalidade –mellor servizos de gardería que subsidios-…No fondo, o debate da sostibilidade da nosa pirámide poboacional.

Un comentario interno: o día de Santo Tomé fixemos doutor honoris causa ao profesor Yasumoto, cuxo padriño foi José Antonio Rodríguez Vázquez. Todo un símbolo na nosa Universidade. Este ano se xubila el, e tamén outro exreitor, Luis Espada. Quizáis se lles nomee eméritos, oxalá! Desde logo, ningún dos dous adiantou a súa idade de xubilación. E que manteñan, en todo caso, o sentimento de pertenza á nosa institución! Pero cómpre reflexionar de cómo facerlle máis atractivo o mantemento da carreira universitaria ao PDI que ten tamén a posibilidade de acollerse lexítimamente a programas de xubilación anticipada.