miércoles, 22 de diciembre de 2010

CONSELLO GOBERNO, 21.12.2010

No apartado de investigación e transferencia, mostramos a nosa crítica a que a partida do Capítulo II (gastos correntes, que inclúen material de oficina, atencións protocolarias, viaxes e dietas, estudos varios, etc.) incrementouse en 50.000 euros (o 11%) no capítulo actual, nun contexto xeral de redución orzamentaria, e motivado polo desdobramento da anterior vicerrectoría de investigación e transferencia en tres vicerrectorías actualmente. Este incremento contrasta coa drástica redución en case todas as partidas de axudas aos grupos de investigación, tales como as bolsas de viaxe nun 40%, as bolsas de estadías (25%), as bolsas de posgrao (8%), as axudas a equipos de investigación (30%), as axudas a reunións científicas (64%), as axudas de transferencia (31%) ou as axudas aos departamentos (13%).

REFLEXIÓNS SOBRE OS ORZAMENTOS DE JAIME CABEZA DURANTE O CONSELLO:

I.- O proxecto de orzamentos se gaba de que os gastos da UVigo no Capítulo I seguen a ser inferiores do que teñen outras Universidades do SUG.- Non me parece para estar satisfeitos. Paréceme perigoso. Ter por debaixo da media estatal de gasto en capítulo I quere dicir que non temos persoal abondo.
II.- Non se fai referenza á corrección de desequilibrios na dotación de PDI, agás que se conteña nuns programas de promoción do profesorado moi revolucionarios nos que nós, desde logo, non acreditamos. A aposta é pola “excelencia académica”. Os centros e os ámbitos menos desenvolvidos cada vez quedan máis empobrecidos.
III.- Segue sen preverse RPT de PDI. Por que son vostedes tan renuentes ao cumprimento da Lei?
IV.- Non existe plan de funcionarización do PDI. Segundo os seus datos, a taxa de funcionarización é do 54’77 por 100 no PDI, moi baixa. E crece o número de persoas contratadas-doutoras.
V.- O capítulo de desgravacións docentes é un totum revolutum. Onde quedou a “nova métrica” da que se nos falou no programa de AU? As actividades derivadadas de programas de grao e posgrao non son “desgravacións” senón traballo docente.
VI.- Baixa outro banzo a dotación de fondos bibliográficos, a que máis sufriu no pasado exercicio. Fálase de “esforzo de contención do gasto”.
VII.- As contías de bolsas para o estudantado son ben cativas. 504150, é unha contía para falar de que a UVigo é socialmente responsable neste ámbito? E para que se fale de esforzo xeneroso?
VIII.- As contías en políticas de benestar son ridículas. Que pasa co fondo de pensións, por exemplo?
IX.- Desde logo, o Goberno ten o noso aplauso na contención do investimento en infraestruturas.

En definitiva trátase dun presuposto marcadamente continuista, moi afastado dos eixos programáticos do que nós defendimos en campaña. Reiterámonos no dito o outro día por noso representante, Enrique Barreiro. 
En xeral, a aporta pola competitividade en épocas de recortes implica un empobrecemento dos ámbitos de coñecemento menos desenvueltos. Implica pouca solidariedade e un modelo inxusto.

lunes, 13 de diciembre de 2010

CLAUSTRO 13.12.2010

Estamos agora mesmo en preguntas no punto 3 para o cal Nova manifestou en voz de Jaime Cabeza e Enrique Barreiro a negativa pola falta de consenso e incluso o incumprimento legal de tempo necesario de inclusión de documentación.

Despois do informe do reitor, Nova tivo a oportunidade de réplica . De forma moi sintética Jaime Cabeza abordou os seguintes temas:




1º.- O equipo de goberno é un xérmolo que aínda non se pode anotar  moitos éxitos, que son máis ben logros colectivos -vg., Campus do Mar-. Hai unha sobeactuación do reitor ao respecto.

2º.- Pouca ética pública do reitor no tema dos cargos, que aparecen moitos máis dos que dixo. Faltou á verdade.

3º.- Restriccións en bolsas de mobilidade de PDI, erasmus e producción científica, aínda non está resolta a de 2008.

4º.- Non é certa a súa política de descentralización. Por exemplo, no tema das obras.

5º.- Hábitos predemocráticos: non incluír no orde do día o tema das  pagas extras, que se pediu por sinaturas. Non renovación, como é a súa obriga, do presidente do Tribunal de Garantías. O actual leva 8 anos "en funcións"

6º.- Mato perdeu totalmente no tema do plan de  finanzamento. Prometeu cousas que logo non foi quen de defendar diante da Xunta.

7º.- Opacidade no plan de promoción dos contratos de investigación.  Fáltalles proxecto e vontade de correxir desequilibrios entre uns ámbitos e outros en tema de PDI.

8º.- Falta de servizos: de publicacións. Apoio administrativo a graos  e posgraos. Ten todo por facer.


Tamén indicou ao reitor que os presupostos foron continuistas.

OS ORZAMENTOS

Reflicten un continuísmo total. O único que  fan respecto ao anterior orzamento é reflectir a baixada de soldo  de funcionarios e  baixar 4,5 millóns en Capítulo II (Gasto corrente)  dicindo que o que facían con asistencias técnicas van pasar a facelo con recursos propios (debe ser que o noso persoal se formou de súpeto e xa pode asumir o que antes non podía.

No referente a Capítulo I, todo son vaguedades, aínda que iso si, para un compromiso concreto que tiñan, que era pagarnos as  pagas extras, esquéceselles. O que tamén deixan claro é que  política de contratación de profesorado para reequilibrar persoal entre áreas igual a cero. Debe ser que non hai desequilibrios.
Iso si, a aposta decidida é o plan especial de promoción para seguir  metendo xente no ámbito ciéntifico únicamente. É dicir, que todo sigue igual (salvo o noso soldo PDI e PAS) Está claro que AU segue sen apostar polo persoal: presumen de que  "É salientable que ou impacto do Capítulo I non total do orzamento  de gastos dá Universidade de Vigo segue a ser inferior ao que ten  nas outras universidades do SUG." e baixan 4,5 millóns de euros este capítulo  I. Paradoxalmente, logo afirman: "A aposta polo valor do noso capital  humano, en persoal docente e investigador e en persoal de administración  e servizos, continúa a ser a principal nota  característica.", iso si, sen sustentalo con nada sólido.
Polo menos hai que agradecerlles que se comprometan a cumprir  a lei: "Considérase unha liña básica a financiar non  ornamento de 2011 a continuidade nos compromisos de estabilización e promoción  profesional do PDI previstos non Regulamento de Profesorado, non  Convenio colectivo para ou PDI laboral,..."

En capítulos II, III, IV, VIII, IX din que todo seguirá igual,  excepto a contención no malgasto do capítulo II xa mencionada.

A parte final do documento (apartado 5) non ten  nada que ver coas liñas mestras de elaboración do orzamento.  Parece un simple curta e pega do que escribiu cada vicerreitor  sobre os seus temas concretos. Así, que teñen que ver coas liñas  mestras do orzamento: os apartados IV, VIN, VIII, XI, final do  XIII ou
XIV?
Unha parte integral dos orzamentos, segundo a LOU son as  sociedades dependentes, polo que nos estraña moito que nin sequera  aparezan nomeadas en todo o documento.

Pedimos que  defina a súa política (neste caso orzamentaria) respecto destas sociedades: van seguir sendo un saco sen fondo que levan  cada ano centos de miles ou millóns de euros do remanente de libre disposición?. A isto debería dedicarlle polo menos tanto espazo  como ao Campus do Mar, xa que o Campus do Mar non xera gasto do  propio orzamento da Universidade (polo menos por agora, xa que  é un préstamo que hai que devolver no futuro), e con todo  estas sociedades sí (a Citexvi S.A., que  lembremos foi a súa gran aposta persoal, e de Alternativa como grupo  -a segunda aposta, a primeira foi CUSA-, vai mal e pretenden  tapalo falando só da nova aposta: o Campus do Mar. Moito nos tememos que a demanda empresarial de espazo en Citexvi sexa  practicamente nula)
Unha última cuestión, se o orzamento baixa 4,60%, por que os  centros e departamentos baixamos un 10%? (cando ademais a maior  baixada no orzamento afecta o capítulo I, do que os centros e  departamentos non reciben cantidade algunha)

lunes, 22 de noviembre de 2010

Notas sobre o Consello de Goberno

O Consello de Goberno de hoxe non aportou novidades moi transcendentais en termos de política universitaria. Pero o equipo de goberno xa está a amosar improvisación, falta de criterio e unha xestión ineficaz. O informe do reitor centróuse nos parabens unánimemente compartidos do éxito do Campus do Mar e tamén informou do estado da negociación do plan de finanzamento. Neste punto expresou unha postura algo máis “prudente” que a morea de millóns que prometeu en campaña para a Universidade de Vigo.   
Como aspectos de discusión que se  merecen suliñar houbo catro puntos máis importantes. O primeiro deles consistiu na aprobación da convocatoria extraordinaria do plan especial de promoción 2010. Neste tema Armando Caballero en representación de Nova Universidade formulou varias preguntas para coñecer aspectos dubidosos de dita convocatoria: por exemplo o número  de posibles concursantes ou o por qué de que resolva a comisión de investigación e non a ACSUG, ou se se ten pensado nunha planificación plurianual para resolver o problema dos investigadores contratados. Nova Universidade sinte unha fonda preocupación de que non haxa agravios comparativos entre uns contratados e outros. Porén, o equipo de goberno amosou toda a sua falla de planificación e absoluta improvisación. O propósito de “non perder unha pinga de talento” que o candidato Mato de la Iglesia expresou en campaña corre o risco de se converter nunha realidade oposta na que se perdan non pingas, senón torrenteiras de talento. O equipo non foi quen nin siquera de precisar o número de persoas que estaban na situación extraordinaria prevista na convocatoria. NU quere expresar a súa consternación fonda polo escuro futuro que co Goberno de Alternativa Universitaria lles agarda a un colectivo de investigadores de arredor de 80 persoas –os números que expresou a vicerreitora “da cousa” son de arredor de 60. Ela saberá-.
Outro punto no que o o noso grupo foi especialmente crítico referiuse ao tema dos profesores eméritos. Coa abstención de Nova Universidade se resolveu denegarlle dita condición a un profesor por non ter sexenios. Tomou a palabra Manuel Deaño para expresar o seu desacordo coa postura denegatoria porque non existen criterios nin normativa concreta, por máis que Nova Universidade leve anos pedíndoa. Nesta situación a decisión negativa aprobada no Consello de hoxe nos parece arbitraria e lesiva dos lexítimos intereses de profesores que non contan con reglas claras. 
Outro punto a destacar foi  a falla de criterio existente no recurrente tema de orden de prelación na elección de docencia dentro dos departamentos e quedou claro a necesidade de normalizar a escolla de docencia sen que teña que prevalecer sempre a categoría e antiguidade.
Finalmente, presentouse ao Consello de Goberno unha iniciativa maioritariamente avalada por NU para que a UVigo solicite á Xunta de Galicia a saída do Plan Galego de I+D.  Tomou a palabra Silvia Rodríguez Ramilo para defender a moción, que foi aprobada por unanimidade. O noso grupo promoveu unha iniciativa que nos parece xusta e inaprazable, ante as dúbidas e a inseguridade que teñen os nosos investigadores.

domingo, 14 de noviembre de 2010

jaime cabeza pereiro: UNIVERSITY OF VIGO IS DIFFERENT!

Un ten que citar as súas fontes: link de Sergio Pajares ao diario o Xornal do 27 novembro: “a concesión do Premio Otero Pedrayo a Fraga non foi unánime”. “Pola súa longa traxectoria de traballo en pro de Galicia e da cultura galega…” concedéuselle o premio apenas por maioría. Que inxustiza! Por motivos escuros, o representante da Univesidade da Coruña ausentouse, tamén o da de Santiago. O representante da Deputación de Lugo abstívose. Pero a persoa que representaba á Universidade de Vigo conformou esa maioría natural tan do gosto dos sucesivos gobernos do León de Vilalba.
O de “longa traxectoria” ten especial interese, porque o beneficiario do premio –a 30050’61 euros ascende a súa contía, da que a persoa que representou a Universidade de Vigo considera que o senador é merecente- vai cumplir 88 anos. Por certo, os mesmos que viviu o patriarca Otero Pedrayo. Polo tanto, da vizosa vida pública do celebérrimo premiado cómpre concluír que unha boa parte a empregou en pro da defensa de Galiza. As comparacións son odiosas, pero a traxectoria de Don Ramón en defensa da nosa cultura comeza, desde logo, a comezos do século XX e non remata ata a súa morte.  A mesma longa traxectoria cabe atribuírlle, polo tanto, ao titán das oposición. Ninguén dubida da súa habelencia nos xogos tradicionais galegos, nos caldos da nosa terra e na arte cinexética, con especial inclinación ás especies protexidas.
Pero, dándolle moitas voltas aos miolos, cheguei á conclusión de que o seu grande merecemento que tanto lle recoñece a representación institucional da Universidade de Vigo foi o seu traballo ministerial da década dos anos sesenta á fronte da carteira de Información e Turismo. Eis a inspiración que os nosos rexedores da Universidade asumiron como a súa pedra filosofal! A defensa de Galiza que fixo Fraga –e que ninguén lle entendeou xamáis- foi o respeto aos feitos diferenciáis. Daquela os españois, pero, por extensión, claro, os do eido que España ten ao Noroeste. Spain is different! clamou o ministro na década prodixiosa.
E hoxe os seus epígonos claman: University of Vigo is different! Diferente ás da Coruña e de Santiago, fuxidías no recoñecemento dos feitos diferenciais que tan ben representa Don Manuel. As outras Universidades galegas non entenden a ledicia que sinte hoxe desde o alén o sabio de Trasalba.
Outro exemplo marabilloso do bo facer do noso equipo de Goberno. Desde a miña modestia e o meu descoñecemento quero propor para o ano que ven a candidatura de Fidel Castro, irmán no universal de Don Manuel.