lunes, 22 de noviembre de 2010

Notas sobre o Consello de Goberno

O Consello de Goberno de hoxe non aportou novidades moi transcendentais en termos de política universitaria. Pero o equipo de goberno xa está a amosar improvisación, falta de criterio e unha xestión ineficaz. O informe do reitor centróuse nos parabens unánimemente compartidos do éxito do Campus do Mar e tamén informou do estado da negociación do plan de finanzamento. Neste punto expresou unha postura algo máis “prudente” que a morea de millóns que prometeu en campaña para a Universidade de Vigo.   
Como aspectos de discusión que se  merecen suliñar houbo catro puntos máis importantes. O primeiro deles consistiu na aprobación da convocatoria extraordinaria do plan especial de promoción 2010. Neste tema Armando Caballero en representación de Nova Universidade formulou varias preguntas para coñecer aspectos dubidosos de dita convocatoria: por exemplo o número  de posibles concursantes ou o por qué de que resolva a comisión de investigación e non a ACSUG, ou se se ten pensado nunha planificación plurianual para resolver o problema dos investigadores contratados. Nova Universidade sinte unha fonda preocupación de que non haxa agravios comparativos entre uns contratados e outros. Porén, o equipo de goberno amosou toda a sua falla de planificación e absoluta improvisación. O propósito de “non perder unha pinga de talento” que o candidato Mato de la Iglesia expresou en campaña corre o risco de se converter nunha realidade oposta na que se perdan non pingas, senón torrenteiras de talento. O equipo non foi quen nin siquera de precisar o número de persoas que estaban na situación extraordinaria prevista na convocatoria. NU quere expresar a súa consternación fonda polo escuro futuro que co Goberno de Alternativa Universitaria lles agarda a un colectivo de investigadores de arredor de 80 persoas –os números que expresou a vicerreitora “da cousa” son de arredor de 60. Ela saberá-.
Outro punto no que o o noso grupo foi especialmente crítico referiuse ao tema dos profesores eméritos. Coa abstención de Nova Universidade se resolveu denegarlle dita condición a un profesor por non ter sexenios. Tomou a palabra Manuel Deaño para expresar o seu desacordo coa postura denegatoria porque non existen criterios nin normativa concreta, por máis que Nova Universidade leve anos pedíndoa. Nesta situación a decisión negativa aprobada no Consello de hoxe nos parece arbitraria e lesiva dos lexítimos intereses de profesores que non contan con reglas claras. 
Outro punto a destacar foi  a falla de criterio existente no recurrente tema de orden de prelación na elección de docencia dentro dos departamentos e quedou claro a necesidade de normalizar a escolla de docencia sen que teña que prevalecer sempre a categoría e antiguidade.
Finalmente, presentouse ao Consello de Goberno unha iniciativa maioritariamente avalada por NU para que a UVigo solicite á Xunta de Galicia a saída do Plan Galego de I+D.  Tomou a palabra Silvia Rodríguez Ramilo para defender a moción, que foi aprobada por unanimidade. O noso grupo promoveu unha iniciativa que nos parece xusta e inaprazable, ante as dúbidas e a inseguridade que teñen os nosos investigadores.

domingo, 14 de noviembre de 2010

jaime cabeza pereiro: UNIVERSITY OF VIGO IS DIFFERENT!

Un ten que citar as súas fontes: link de Sergio Pajares ao diario o Xornal do 27 novembro: “a concesión do Premio Otero Pedrayo a Fraga non foi unánime”. “Pola súa longa traxectoria de traballo en pro de Galicia e da cultura galega…” concedéuselle o premio apenas por maioría. Que inxustiza! Por motivos escuros, o representante da Univesidade da Coruña ausentouse, tamén o da de Santiago. O representante da Deputación de Lugo abstívose. Pero a persoa que representaba á Universidade de Vigo conformou esa maioría natural tan do gosto dos sucesivos gobernos do León de Vilalba.
O de “longa traxectoria” ten especial interese, porque o beneficiario do premio –a 30050’61 euros ascende a súa contía, da que a persoa que representou a Universidade de Vigo considera que o senador é merecente- vai cumplir 88 anos. Por certo, os mesmos que viviu o patriarca Otero Pedrayo. Polo tanto, da vizosa vida pública do celebérrimo premiado cómpre concluír que unha boa parte a empregou en pro da defensa de Galiza. As comparacións son odiosas, pero a traxectoria de Don Ramón en defensa da nosa cultura comeza, desde logo, a comezos do século XX e non remata ata a súa morte.  A mesma longa traxectoria cabe atribuírlle, polo tanto, ao titán das oposición. Ninguén dubida da súa habelencia nos xogos tradicionais galegos, nos caldos da nosa terra e na arte cinexética, con especial inclinación ás especies protexidas.
Pero, dándolle moitas voltas aos miolos, cheguei á conclusión de que o seu grande merecemento que tanto lle recoñece a representación institucional da Universidade de Vigo foi o seu traballo ministerial da década dos anos sesenta á fronte da carteira de Información e Turismo. Eis a inspiración que os nosos rexedores da Universidade asumiron como a súa pedra filosofal! A defensa de Galiza que fixo Fraga –e que ninguén lle entendeou xamáis- foi o respeto aos feitos diferenciáis. Daquela os españois, pero, por extensión, claro, os do eido que España ten ao Noroeste. Spain is different! clamou o ministro na década prodixiosa.
E hoxe os seus epígonos claman: University of Vigo is different! Diferente ás da Coruña e de Santiago, fuxidías no recoñecemento dos feitos diferenciais que tan ben representa Don Manuel. As outras Universidades galegas non entenden a ledicia que sinte hoxe desde o alén o sabio de Trasalba.
Outro exemplo marabilloso do bo facer do noso equipo de Goberno. Desde a miña modestia e o meu descoñecemento quero propor para o ano que ven a candidatura de Fidel Castro, irmán no universal de Don Manuel.

viernes, 22 de octubre de 2010

Recollemos as felicitacións dende o blog de Jaime Cabeza polo éxito da UVigo no proxecto Campus do Mar

"Hai días nos que os silencios poden ser malinterpretados. Non teño máis que engadir ao éxito da Universidade de Vigo no Campus do Mar do que xa se ten dito, por activa e por pasiva, noutros ámbitos e por outras persoas e institucións. Pero sinto a obriga de reiteralo. A Universidade de Vigo deu hoxe un banzo decisivo. Desde logo importaba moito o éxito na convocatoria, por máis que, prudentemente, se nos situara no escenario de non recibir achegas derivadas de seleccionarmos como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional, CEIR.
Xa está e hoxe é día de felicitacións a toda a comunidade universitaria e a todas as institucións e persoas que participan no proxecto. A selección é ademáis un motivo de responsabilidade colectiva, para que a Universidade de Vigo poida e saiba estar á altura das circunstancias. Ningún proxecto levantou nos últimos anos en Vigo e na contorna un nivel semellante de apoio cidadán e institucional e toca non defraudar. Ten que valer, desde logo, para a nosa proxección externa, pero máis para a nosa consolidación e para o noso crecemento interno. Para que se desenvolva desde a Universidade un labor docente e investigador de primeira liña, no que os nosos grupos de investigación, grandes e pequenos se consoliden e poidan progresar armónicamente.
É marabilloso o resultado logo dun esforzo colectivo. Pero que se me permita hoxe personalizar os meus parabéns e a miña gratitude en Emilio Fernández. Discretamente foi tecendo un proxecto ambicioso no que aportou moito traballo, moita habilidade nas relacións personais e institucionais e moito rigor. Todo ao servizo dun fin que hoxe xa se vai materizalizando. En fin, expreso con gusto tamén meu aplauso a Alberto Gago e a Salustiano Mato, como líderes da nosa entidade e cabezas visíbeis de Campus do Mar".

jueves, 21 de octubre de 2010

miércoles, 13 de octubre de 2010

CONSELLO DE GOBERNO 13/10/10

NU LEMBRA AO REITOR O SEU COMPROMISO DE AUSTERIDADE EN CARGOS  E PREGUNTA POLA ASISTENCIA TÉCNICA DO EX VICEXERENTE DO CAMPUS DE OURENSE

As reubicacións de ex vicexerentes e os postos políticos son motivo de intervención en Consello de Goberno do líder de NU, Jaime Cabeza,  que requeriu ao reitor información sobre a asistencia técnica de Miguel Diéguez que ocupou no mandato de Gago este posto no campus de Ourense para que se aportasen os dados da duración, contido e contía do contrato.
Austeridade en cargos e non recortes en convocatorias de investigación, fondos de biblioteca ou aglutinación en Profesorado de varias direccións mentres xurden novos postos recolocando ex cargos do equipo de goberno precedente de AU baleiros de competencias. Dous novos comisionados, de Coordenación Interna e Novos Proxectos, indican o engorde non explicado en campaña por AU e agora Nova Universidade pide explicacións, sen que o reitor acertara a explicar os contidos do labor destes entes.
A pregunta de NU con respecto aos comisionados referiuse ás funcións e necesidade dun terceiro que se mantén: Plan Estratéxico. Dito plan xa foi elaborado por un equipo dirixido polo actual vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García Vázquez, e únicamente se trata de proseguer coa súa aplicación. Desde a perspectiva de NU este cargo é claramente redundante e ademáis reflicte unha compensación por servizos prestados en campaña.
No punto terceiro sobre a creación da Escola de Enxenería Industrial (EEI)  para o que non se aportou ninguna información o representante de NU, Alejandro Pereira ,  indicou que  “é tan sinxelo como introducir un link a Escola de enxeñería Industrial” e pediu información verbo dos prazos correspondentes ao período transitorio definido na memoria de creación da EEI.  A vicerreitora evidenciou que non ten ningún plan ao respecto. Outra das preguntas de Pereira neste epígrafe foi na liña da planificación da asignación e ubicación dos distintos graos ás distintas sés e se se repetería o procedemento de sorteo que se fixo no caso dos alumnos.
Xa en rogos e preguntas Cabeza recordou ao reitor a súa promesa de campaña de que se pagarían íntegramente as pagas extras ao PDI da UVigo e Armando Caballero lembrou máis promesas incumpridas referidas ao acceso automático e en tempo real á información dos proxectos de investigación. Caballero tamén incluiu neste punto a necesidade de sincronizar a incorporación de docentes en ano sabático o arranque de curso así como o reaxuste no calendario do prazo de matrícula dos masters . Neste tema Enrique Barreiro enfatizou o barullo que se ten montado ao redor do inicio dos posgraos.
Cabeza solicita información sobre a definición clara das competencias das distintas vicerreitorías a consecuencia de que o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade defendeu o curso de “Especialista en empresa familiar”. Non se entende ben que os títulos propios non lle correspondan a vicerreitoría Organización Académica, Profesorado e Titulacións.
Os recortes dos fondos das bibliotecas tamén foron motivo de intervención de NU que require unha vez máis ao reitor o cumprimento do seu programa electoral onde no eixo 2 de Alumnado e Docencia se comprometía a “incrementar o uso e os fondos da biblioteca”.