sábado, 11 de febrero de 2012

Consello 08/02/2012

A voz de Nova Universidade lembra os incumprimentos de Alternativa Universitaria.   


O programa especial de promoción do PDI da Universidade de Vigo, curso 2011/12  de apoio a consolidación dos investigadores e investigadoras procedentes dos programas de contratos de investigación Ramón y Cajal e Parga Pondal foi votado a favor no último consello de Goberno en consonancia coa visión de Nova que fora reflectida no programa electoral do 2010.  Jaime Cabeza  recordoulle ao reitor o compromiso que adquiriu con todos eles, sen excepcións, e que xa incumpriu en relación cun grupo de persoas que esgotaron os seus contratos sen opción a se estabilizar na Universidade de Vigo. Porén, o coordinador de NU volveu criticar o feito de que a única canle de saída de prazas para o ano 2012 sexa este plan, en perxuízo, como sempre, dos ámbitos con déficits de cadro de persoal. Déficits dos que outra vez o equipo de Goberno manifestou seu desinterese. É por iso que, logo de amosar o seu apoio ao plan de promoción nos seus eixos estratéxicos, o grupo se abstivo, polo que considera un afondamento nos desequilibrios na Universidade.
 
Verbo da Normativa de recoñecementos docentes para o curso académico 2012/13 o grupo NU votou en contra, en seguimento dos criterios que ven sostendo desde hai moitos anos. Jaime Cabeza calificou de decepcionante a normativa proposta, ademáis  de continuista en todos os erros que teñen conducido a unha situación tan calamitosa no PDI da Universidade de Vigo. A normativa implica un incumprimento de todas as promesas que fixera o reitor no seu programa. Ademáis, aínda non comezou, logo de case dous anos, o proceso de aprobación do Regulamento de Profesorado, que debe ser a base para que toda esta materia se clarifique. NU defende o cómputo íntegro das obrigas -docentes, investigadoras e de xestión- do PDI da Universidade de Vigo. Pensa que a docencia non se valora para nada, e menos a do posgrao. E valora moi negativamente un documento que pon ás claras que o equipo de goberno non ten programa nin rumbo en materia de PDI. O peor é que a normativa onte aprobada amosa unha tendencia a non arranxar nada no fututo. O reitor retrucoulle ao coordenador de NU con disculpas e promesas de futuro, como case sempre.

Respecto á Normativa sobre estudos de doutoramento, Armando Caballero, responsable de Investigación de NU, suxeriu que se considerasen 3 membros nos tribunais de teses en lugar de 5,  e que a posibilidade de realizar o acto de presentación por videoconferencia fose só excepcional, pola problemática que pode implicar.  Ambas propostas foron ben acollidas e deixáronse pendentes para unha próxima convocatoria.

En rogos e preguntas, NU preguntou polas  reclamacións de produción científica do ano 2008-09, e tamén polos orzamentos asignados ás partidas de Transferencia que se aprobaron nun consello do  ano pasado.  Respondeuse que se está traballando niso e que xa se están tramitando ditas axudas.  Ao fío do suposto regulamento e posterior normativa universitaria sobre  PDI, NU solicita que se poña en valor os méritos de xestión de igual forma que os méritos de investigación.      


miércoles, 14 de diciembre de 2011

CLAUSTRO DO 13 DE DECEMBRO DE 2011

É salientable o déficit democrático que ven caracterizando ao noso reitor e adláteres. Onte, no Claustro do informe anual, quedou moi reflectido. Logo dunha intervención do reitor Mato de la Iglesia de case unha hora de tempo, na que amosou unha elocuencia digna dun párroco rural, o voceiro de Nova Universidade, Xaime Cabeza, retrucoulle por non máis de vinte minutos criticando o labor e a executoria do seu equipo no último ano. Ao que, airado, respondeu que o informe anual non era “o debate do estado da Nación”. Para logo amosar pouca capacidade de encaixe na resposta. Por desgraza, a súa actitude provocou que o único comentario ao informe anual fose o do voceiro de Nova Universidade.

Nova Universidade quere lembrarlle á Comunidade Universitaria que o dereito fundamental á libertade de expresión está na cerna do máis esencial do noso sistema de valores. E que o dito dereito inclúe as expresións desabridas e que poidan molestar, como expresa o noso Tribunal Constitucional. O único límite é que non abrangue o dereito ao insulto. E quere lembrarlle, por outra banda, que o Claustro debería de ser o órgano supremo da vida universitaria nunha institución democrática. Mágoa que, logo de xuño do 2010, estos valores se lle esqueceran aos membros do equipo de Goberno de Alternativa Universitaria.

Por suposto, Nova Universidade seguerá a exercer o seu dereito á crítica construtiva. Lamenta o pouco espazo de debate do claustro e a escandalosa diferenza dos tempos consumidos nas exposicións do goberno –exposicións que ademáis evidenciaron a escasa capacidade comunicativa que lles caracteriza- e o espazo que, nun ambiente de pouco recoñecemento da liberdade de expresión, se lles deixa aos e ás claustrais.

O monólogo do vicerreitor de planificación verbo das liñas estratéxicas e orzamentarias, ademáis de soporífero, resultou manifestamente sesgado. Outra vez, baixo o oropel de grandes proxectos institucionais, quedan esquecidas as necesidades da maioría da comunidade universitaria. Baixo a alegación de que o plan de finanzamento da Xunta é bon para a Universidade de Vigo por favorecer a competitividade, se negan as necesidades básicas para sermos competitivos…agás uns poucos, herdeiros universais das vizosas colleitas de AU. Para eses poucos si que o plan de finanzamento é esencialmente bon, como o son todas as políticas moi pouco redistributivas.

Finalmente: ao día seguinte do noso Claustro, o mesmo órgano da Universidade de Santiago votou en contra  das liñas xerais dos seus presupostos. A diferenza entre un órgano colexiado e o outro –o de Vigo e o de Santiago- pon de manifestó que o da nosa Universidade irmá ten dereito a reprobar as liñas xerais orzamentarias e nós non. A calidade democrática dunha entidade e da outra queda perfectamente reflectida. É certo que a diferenza ten xustificación nas comperenzas que os Estatutos dunha e doutra Universidad lles confiren aos cadanséus claustros. Pero a literalidade da norma permitiría, con todo, unha lectura máis democrática, na que o Claustro fora algo máis que un receptáculo de información. A excelencia tamén vai na democracia, sr. reitor!

viernes, 18 de noviembre de 2011

EVIDENCIAS DOS DESEQUILIBRIOS

Sen dúbida, os dous asuntos máis salientables do Consello de Goberno do luns 14 novembro foron a aprobación dos criterios e do procedemento de promoción ao corpo de catedráticos/as de Universidade e a aprobación dos criterios de cómputo da carga docente básica en titulacións de grao.
No que se refire ao primeiro deles, a normativa que presentou o equipo de Goberno –e que saiu co exclusivo voto en contra dos membros de Nova Universidade, alén de tres abstencións- é absolutamente regresiva. Ate o luns, se non había oco por cadro de persoal –isto é, se non había unha ratio inferior ao 25 por 100 de persoal consolidado catedrático nunha área de coñecemento- había que ter tres sexenios para que unha persoa acreditada como CU obtivese a saída a concurso dunha cátedra. O bodrio que se aprobou o luns deixa todo en mans dunha decisión anual verbo do número de cátedras que han saír cada ano. Hai evidentes razóns para oporse a esta medida, básicamente as que seguen:
1) UVigo ten unha percentaxe moi baixa de CU no seu cadro de persoal. Se o óptimo para estar na media serían 250 catedráticos/as, estamos a 100 de chegar ao dito óptimo. Nestas condicións, adiantar medidas restritivas non é lóxico.
2) O número de cátedras é, desde logo, un indicio de calidade, que parece que despreza a nosa institución.
3) O acceso ao corpo 0500 é parte do dereito á promoción profesional do PDI de Universidades, que o Consello de Goberno lamina por escuras consideracións, xa que deixa de haber criterios obxectivos, máis ou menos ríxidos, que unha persoa ten que cumplir para ter dereito á convocatoria da cátedra. O esforzo en cátedras pasa a ser contixente da ¿vontade? política da maioría de turno.
4) Desde logo, os e as TU van ter poucos incentivos para traballar arreo e para “suar a camiseta”, como quere a verborrea salustiniana.
5) AU non quere presentar un plano xeral de aforro de custes en capítulo 1 na época de crise económica, senón que presenta medidas illadas, sen que se poida facer unha listaxe de prioridades ordenada. Nestas condicións, a dúbida é que capítulos manteñen e que capítulos non e por que.
6) En fin, sen abondar máis nesta laminación de dereitos, o argumento da conxelación da masa salarial bruta non é máis que un mantra xustificativo, porque precisamente estaría excluído un convincente plan de incentivos, como admiten expresamente as leis orzamentarias. E, aínda que así non  fose, habería que priorizar o aforro e manter unha política estrutural como é a converxencia no número de catedráticos/as coa media do Reino de España. En resumo, esta decisión é toda unha paráfrase do respeto que ten AU polas carreiras profesionais na UVigo, respeto do que PDI e PAS somos vítimas conxuntas.

No segundo tema –criterios do cómputo da carga docente básica en titulacións de grao- a postura do grupo en Consello de Goberno foi votar en branco. Convén explicar esta decisión. Desde logo, non nos gusta a fórmula empregada nen o resultado. A fórmula parte de facer un castelo no ar, sen fixar criterios previos, como tiña que ser a aprobación do Regulamento de Profesorado ou a fixación dunhas bases do que tiña que ser a relación de postos de traballo –RPT- de PDI. A fórmula é restritiva, teledirixida á finalidade de que apenas salan prazas de déficit. É dicir, faise a fórmula a partir do resultado e non á inversa. O que pode saír é un monstro, especialmente perigoso ante as afiadas tesoiras do goberno de Feijóo.
 Porén, hai elementos de cambio que hai que valorar. O primeiro deles é o establecemento dun criterio que permite facer un cálculo do número de PDI necesario en cada centro. É un traballo ímprobo, que hai que recoñecerlle a Margarita Estévez e ao seu equipo. Un traballo que estaba pendente desde que comezó a andaina de Domingo Docampo como reitor. Catorce anos máis tarde, a aprobación dun criterio obxectivo de carga docente básica pon ás craras a nefasta executoria dos sucesivos equipos de AU en materia de profesorado, co establecemento de desequilibrios inaceptables entre áreas de coñecemento que agora a fórmula aprobada deixa ás claras, incluso en intensidades máis amplas do que cabía pronosticar. É o recoñecemento explícito de que UVigo leva catorce anos á toa en temas de profesorado. Ademáis, converxe co noso programa noutro aspecto: en que a carga básica de grao é unha parte da carga básica total para o cálculo do PDI estable necesario. Xa que logo, hai que aprobar carga básica de posgrado e carga básica doutras actividades correspondentes ao PDI. Outra vez, AU vese na obriga de recoñecer explícitamente a tolemia de como se implantaron  os posgraos en Vigo da man do nefasto goberno de Alberto Gago. A este respecto, o reitor Mato de la Iglesia comprometeuse á pregunta de NU a que neste curso se presentarían a Consello de Goberno os criterios de carga básica de posgrao, alomenos. E comprometeuse asemade ao comezo inmediato dos traballos para a aprobación do Regulamento de Profesorado. Nestas condicións, pareceunos oportuno apostar por unha abstención crítica, para esixir que se afonde neste proceso de clarificación. Por moi pouco rigorosos que sexan os criterios que se están a empregar.

Por certo, adxuntamos ao blog un cadro coa proxección na maioría dos centros –todos dos que temos dados concretos- da fórmula de carga docente básica en termos de exceso o defecto de profesorado consolidable. Os números falan por si sós de dúas ideas básicas:
1) desequilibrios abafantes.
2) Pouco respeto de AU polo labor docente do PDI, que se contabiliza sempre con criterios extremadamente restritivos. A lectura deste cadro produce vergoña allea. Por certo, ten unha pequeña marxe de erro –non máis do 10 por 100- derivada de que non temos números exactos verbo das taxas de abandono e de fracaso.
PREGUNTAS NOVA

O noso representante no eido de Investigación, Armando Caballero, fixo algunhas preguntas na sesión de Consello de Goberno do pasado luns 14 de novembro.

  • Hai uns días a Vicerreitora de Profesorado comunicounos as instrucións da Xunta para a impartición dos másteres oficiais para o próximo curso. Estas instrucións son moi inquietantes porque restrinxen a impartición de másteres a aqueles que teñan un mínimo 20 alumnos matriculados en setembro (quizais en xullo). A Xunta parece non darse conta de que os másteres son docencia especializada, non de masas, polo que é lóxico que non haxa moitos alumnos.
Cos datos da matrícula actual só uns poucos (10?) cumprirán ese requisito, e a maioría dos 85 másteres non se poderán impartir o próximo curso.

Isto implica:
(1)   Que os alumnos terá unha oferta formativa moitísimo menor para elixir.
(2)   Que os alumnos que non poidan matricularse nun máster terán que facelo noutro do ámbito, implicando unha masificación destes últimos.
(3)   Que se hai límites máximos nos másteres sobreviventes, algúns alumnos poden quedar sen praza de máster.
(4)   Que nalgún ámbito sinxelamente é posible que non sobreviva ningún máster polo que os alumnos non poderán matricularse de máster.
(5)   Por último, que todo o traballo desenvolvido polos profesores que organizaron másteres nestes últimos anos vén abaixo. Pasamos da estratexia "cantos máis másteres mellor" a "cantos menos mellor".

Sabemos que o reitorado está a tentar que a aplicación desta norma aprácese até o curso 2012-13 e queremos saber como están estas xestións.

  • Por outra banda, e xa referidos aos novos másteres que se implanten de aquí en diante, que serán a maioría se se mantén o requisito de 20 alumnos, as instrucións impoñen uns requisitos onde as palabras empresa, contorno socioeconómico, orientación laboral, demanda laboral, competencias profesionais, etc. abundan. Que os másteres teñan aplicacións laborais está moi ben e é necesario, pero, ¿que pasa cos másteres de investigación básica en calquera dos ámbitos?
Pasamos de másteres investigadores, académicos e profesionalizantes, a só investigadores e profesionalizantes, e por último a todos profesionalizantes? De novo impídeselle ao alumno que elixa que tipo de máster quere facer.

A pregunta é cal é a postura oficial da Universidade antes este decreto. Vaino a acatar sen máis ou vai loitar por moderalo?

  • Avaliación do VAD. Para o curso 2009-10 os departamentos xa non teñen que considerar as coordinacións dos programas de doutoramento porque pasaron ao ámbito da Facultade. Tampouco a entrega de actas de doutoramento, etc. Esa avaliación pasa agora ás Facultades, pero tívose en conta na petición do VAD?


    Engádese táboa coas duas últimas columnas da análise sobre o PDI da UVigo.

    lunes, 3 de octubre de 2011

    Consello Goberno 30.09.2011

    Nova Universidade preguntou polo feito de que houbese certos retrasos nas convocatorias da vicerreitoría de Investigación, que en palabras de Jaime Cabeza, “parece sacar cada convocatoria a cuentagotas”.

    Preocupámonos tamén de certos problemas na xestión das listas de agarda que producen que ao final haxa que recurrir a invitacións. E lembrámoslle ao reitor que xa estaba ben de falar de "gobernanza externa" e que xa tocaba entrar de cheo neste curso académico na estrutura de centros, departamentos e goberno da nosa Universidade.

    Eliminación da vicerreitoria de Investigación en Ourense

    Nova Universidade amosou inquedanza ante o feito que novamente se retira autonomía ao campus ourensán. Quixemos saber cal é a xustificación real da eliminación desa vicerreitoría en boca do noso representante Armando Caballero, despois de que durante a campaña “se nos vendera a idea de que se establecia como forma de descentralizar a xestión e de potenciar a investigación en Ourense”.

    A escusa do aforro poderá ser real ou non pero en calquera caso non parece convincente e os investigadores de Ourense estarán defraudados de que se elimine unha vicerrectoría que supostamente tiña como obxectivo fortalecer a investigacion nese campus.

    Por outra banda, Nova Universidade fixo fincapé no feito de que a unha semana vista do inicio do curso académico houbese cambios de data no día de apertura do curso académico. Pois aínda que sexa culpa dunha decisión da Xunta, instamos a que se siga facendo presión para que se establezan as datas con máis antelación.

    Tamén preguntouse sobre o rumor de que a Universidade de Vigo podería asumir ás escolas de enfermaría, ao que o reitor contestou que a proposta está sobre a mesa e vaise a analizar dende os diversos puntos de vista (económico, académico, ...) co que o resultado dependerá da capacidade de chegar a acordos cos axentes implicados.

    lunes, 25 de julio de 2011

    Consello Goberno 21.07.2011

    NU abstense sobre o Plan de xubilación e esixe que se presente unha proposta de axuste completo e non medidas illadas

    As medidas de axuste concretas non convencen a Nova Universidade que insta o equipo de Goberno a que presente un plan global de axuste económico. Neste punto da modificación do plan de xubilación Alejandro Pereira tomou a palabra e en nome de NU anunciou a abstención a pesar de que se asuma a situación de crise xeral e a redución, por este motivo, no plan de xubilación. Estas medidas deberían coñecerse no marco dun plan conxunto que nos permita coñecer de antemán a situación económica da universidade evitando na medida do posible a incerteza que nos depara os próximos meses. A esta demanda o vicerreitor de Asuntos Económicos responde, como non podía ser doutra forma, que non había motivo para a preocupación pois están a preparar un plan de sustentabilidade.

    Outra das intervencións de NU produciuse no punto do regulamento de libre mobilidade a través do noso representante Enrique Barreiro, quen solicitou que a supervisión de aceptación dos plans de convalidación sexa unha competencia e responsabilidade do centro e non da persoa encargada de asuntos internacionais.

    En rogos e preguntas Enrique Barreiro novamente interveu solicitando a elaboración dunha normativa xeral de avaliación, neste sentido responde o vicerreitor de Alumnado que lle parece unha boa idea pero que agora mesmo “están desbordados”.

    Pola súa banda Alejandro Pereira roga que se cumpra o acordo anterior sobre o cumprimento das 30 horas dos profesores exceptuando os membros do equipo de goberno, xa que hai coñecemento de que existen aproximadamente 25 profesores con carga lectiva igual a 0 horas. Neste sentido tamén roga que se poida consultar o POD do profesorado desta Universidade tal como podíase facer anteriormente desde os departamentos, dado que a dirección dos mesmos debe poder acceder á información sobre as horas de ocupación de cada un dos docentes.