domingo, 31 de enero de 2010

XUBILACIÓNS

De novo se pon en marcha a engranaxe de modificación do sistema de Seguridade Social e se quenta un debate que requeriría máis sosego e menos ideoloxía da que moita xente lle quere aportar. Porque, con todas as súas contradiccións, o sistema de Seguridade Social é o sinal de identidade máis fundamental que ten o noso Estado Social. Xogar a aprendiz de bruxo nesta materia é un exercicio ben irresponsábel e pouco construtivo. O modelo de reforma constante e consensuada implantado cos Pactos de Toledo a partires do 1995 constitúe a garantía de que se manterá o sistema público de Seguridade Social, que herdarán os nosos fillos nesta sorte de solidariedade interxeneracional que supón o sistema público.

Temos ventaxa con outros Estados europeos. O noso baby-boom adiouse ata os anos sesenta e a xeración que se está a xubilar estes anos é a da posgruerra, isto é, a que non naceu. É por iso que os riscos e os desequilibrios do noso sistema resultan, a día de hoxe, menos inmediatos do que sucede, vg., en Alemaña ou en Francia. Porén, hai que estar vixiantes para asumirmos cantos menos perigos mellor. E, no Método Aberto de Coordenamento artellado a nivel europeo, intercambiar información e boas prácticas e planificar e avaliar en común. É certo que outros Estados, como a República Federal de Alemaña, xa adiaron a xubilación aos sesenta e sete anos.

Terémolo que facer nós? Probablemente. Ou, máis ben, case seguro que si a medio prazo. Quixera lembrar que cando se estableceu o primeiro seguro público de xubilación no Reino de España, o Retiro Obreiro do 1919, a ida de retiro era de sesenta e cinco anos. Mais nun tempo no que a esperanza de vida roldaba os 45 anos. A xubilación muduo desde aquela a súa significación moitísmo, pero non se pode dicir que sexa ilexítimo discutir este tópico. Tamén é certo que os 65 anos constitúen un dos elementos máis simbólicos do noso sistema de benestar.

O documento do Goberno abre unha reflexión, con outros factores: cálculo da base reguladora –que conten máis de quince anos para calcular a contía da pensión- limitacións necesarias das prexubilacións, reformas importantes na viuvez –hai que cambiar radicalmente o modelo- e na orfandade-. Eu engadiría algúns máis necesarios, entre eles a avaliación dos efectos da xubilación anticipada, o cuestionamento do modelo do desemprego, ou a entidade das prestacións familiares. Dito documento vai ser obxecto de debate na subcomisión do Senado dos Pactos do Toledo, de negociación nas mesas de diálogo social e de discusión parlamentaria. Sen dúbida, neste longo camino parte dos obxectivos máis radicais se van limar.

Con todo, que desde 2013 se introduza paseniñamente un alongamento das vidas activas e un afastamento da idade de xubilación ordinaria, ao redor de dous meses por ano, non supón un cuestionamento do noso modelo de benestar. É unha ferramenta máis, como o cerco ás prexubilacións ou outras medidas para que, de feito, as persoas traballadoras se aparten do mercado de traballo aos sesenta e cinco e non aos sesenta e dous anos e medio. No fondo, a única pregunta encol da idade ordinaria é se ese proceso de retraso aos sesenta e sete anos vai comezar no 2013 ou no 2020-2025. Porque quizáis, e na miña opinión, aínda hai marxe para esperar uns anos.

E logo están outras medidas para facer un mercado de traballo máis inclusivo e para que máis persoas contribúan: emprego da xuventude, da muller, da poboación inmigrante, traballo sulagado, estabilización de contratos temporais, prestacións familaires e de natalidade –mellor servizos de gardería que subsidios-…No fondo, o debate da sostibilidade da nosa pirámide poboacional.

Un comentario interno: o día de Santo Tomé fixemos doutor honoris causa ao profesor Yasumoto, cuxo padriño foi José Antonio Rodríguez Vázquez. Todo un símbolo na nosa Universidade. Este ano se xubila el, e tamén outro exreitor, Luis Espada. Quizáis se lles nomee eméritos, oxalá! Desde logo, ningún dos dous adiantou a súa idade de xubilación. E que manteñan, en todo caso, o sentimento de pertenza á nosa institución! Pero cómpre reflexionar de cómo facerlle máis atractivo o mantemento da carreira universitaria ao PDI que ten tamén a posibilidade de acollerse lexítimamente a programas de xubilación anticipada.

viernes, 29 de enero de 2010

NOTA DE PRENSA: "CABEZA AGRADECE QUE AS ELECCIÓNS SE CELEBREN ANTES DOS EXAMES DE MAIO E XUÑO"




Jaime Cabeza amosa a súa satisfacción tras o encontro mantido esta mañá co reitor saínte, Alberto Gago, e co candidato doutro grupo polo feito de que, finalmente, as eleccións á Reitoría se desenvolvan segundo un calendario previamente consensuado, que logo terá que ser aprobado polos órganos competentes. Tamén, porque se produzan as votacións con anterioridade ao comezo dos exames de fin de curso.

Ademáis do calendario electoral, na reunión tamén se abordaron temas como as inauguracións previstas, sobre as que Cabeza recoñeceu a total lexitimidade por parte de Gago a darlles relevo, sempre que se limitasen a un plano estritamente institucional e contando cos representantes das dúas formacións que se presentan ás eleccións. Gago concordou con Cabeza en que invitaría aos dous candidatos pois a “Universidade é cousa de todos e un proxecto común” polo que seguirían a traballar todos os presentes.

Cabeza reiteroulle ao reitor o seu apoio incondicional en dúas cuestións estratéxicas como son o plan de financiamento e o campus de excelencia internacional cidade do mar. “Na universidade hai cuestións nas que estamos todos implicados, e estas son dúas básicas para Nova Universidade nas que estivemos e seguiremos estando nunha posición de consenso por riba da convocatoria electoral”.

O candidato de Nova Universidade dixo, en resposta a preguntas dos xornalistas, que este “tipo de reunións son moi positivas e unha boa práctica” de partida no proceso que se inicia. Neste senso, Cabeza sinala que Nova Universidade está a piques de rematar a elaboración do programa electoral e que nos últimos dous meses xa visitou máis da metade dos centros da Universidade Vigo. Igualmente Jaime Cabeza está a pechar o equipo co que concorrerá a estes comicios.


jueves, 28 de enero de 2010

miércoles, 27 de enero de 2010

MOITA ATENCIÓN A DATA. Os alumnos deben ter facilidades para votar.

O venres na reunión prevista co rector saínte falarase da data convinte para as eleccións.
Hoxe os medios recollen a nosa inquietude dun posible alongamento do mandato ata finales de maio o que faría que a cita fose difícilmente concorrida dada a coincidencia cos examens dos alumnos.