domingo, 25 de octubre de 2009

COMPLEMENTO DAS PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS

Hoxe leín no Faro de Vigo con incredulidade a decisión da Xunta de suprimir os complementos das pensións non contributivas de xubilación e invalidez. Non concibo que a titular da Consellaría de Traballo e Benestar poida expresar unhas opinións tan desafortunadas e coido que ao mellor non se reflectiu ben o seu pensamento. Porén, a decisión que se vai adoptar, véxase como se vexa, é un xesto antisocial con poucos precedentes. Retirárenlles 200 euros ao ano a colectivos con fortes dificultades económicas e de integración non é de doado entendemento para os galegos e as galegas de boa fe. E menos chamarlle "parche" á medida introducida polo executivo anterior.
Desde logo que a elaboración dos orzamentos reflicte as prioridades de gasto dunha política e quizáis as contas autonómicas nos sorprendan cun xiro social que ao mellor é que algúns non queremos enxergar mais que estea diante dos nosos ollos. Pero que lle metan as tesoiras ás expectativas de protección dos titulares de pensións non contributivas semella unha brutal agresión ás capas máis febles da nosa sociedade.
Quero salientar nestas liñas que, por suposto, os argumentos xurídicos aos que alude a titular da Consellaría son falsos. Xa hai tempo que o Tribunal Constitucional validou, como axustados á Constitución os complementos ás pensións non contributivas que no seu día regulou a Junta de Andalucía e inmediatamente a continuación a Generalitat de Catalunya. É certo que, torpemente, a Lei -estatal- 52/2003 tentou unha modificación da Lei Xeral de Seguridade Social que definira estes complementos como Seguridade Social aos efectos de pechar as competenzas autonómicas. Pero esta lei non é quen de definir a liña de separación entre Seguridade Social e Asistenza Social e moito menos de reducir o eido das políticas autonómicas. Como é lóxico, as de medidas de complemento das CCAA se mantiveron e se manteñen, cada vez máis espalladas. O que é inconstitucional é o contrario, pretender limitar o obxecto da asistenza social e impedirlle aos gobernos autonómicos que definan as súas prioridades de gasto social.
Por favor, se se lles queren retirar douscentos euros ao ano a estes colectivos, que non se poña o dereito como excusa. Señora conselleira, manca finezza.

viernes, 23 de octubre de 2009

PRESENTACIÓN OFICIAL DO BLOG NA FACULTADE DE CIENCIAS SOCIAIS E DA COMUNICACIÓN NO CAMPUS DE PONTEVEDRA


JAIME CABEZA PRESENTOU HOXE O SEU BLOG


O candidato a Reitor da agrupación Nova Universidade ven de presentar o seu blog. Trátase dunha iniciativa en liña que leva xa varios meses funcionando e que pretende ser unha forma de comunicación coa comunidade universitaria e coa sociedade en xeral. Neste espazo virtual Cabeza comenta e reflexiona sobre asuntos de grande calado para o ámbito universitario ó tempo que aporta ideas e propostas para acadar unha axeitada xestión da Universidade de Vigo.

O blog (http://www.jaimecabeza.com) inclúe contidos relativos á campaña á Reitoría da Universidade, incluso vídeos das distintas accións emprendidas para dar a coñecer o proxecto de Nova Universidade, pero tamén post sobre cuestións nas que Cabeza ten especial interese, como son as condicións laborais do persoal da Universidade de Vigo, tema no que, pola súa profesión, é un destacado especialista (lembramos que é profesor de Dereito do Traballo).

Deste xeito, o blog configúrase coma unha ferramenta fundamental de difusión do proxecto de Jaime Cabeza ó tempo que, grazas á súa bidireccionalidade, permite ir recollendo as preocupacións e inquedanzas do profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos da universidade. Todos aqueles que estean interesados poden valorar, realizar comentarios e aportacións de tódolos temas recollidos.

Este blog foi posto en marcha contando cos recursos humanos da propia Universidade xa que foi posto en funcionamento coa colaboración dalgúns profesores e alumnos de doutoramento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, lugar que se elixiu para a súa presentación. Jaime Cabeza confirma así a súa confianza nas potencialidades do persoal da Universidade e incide en destacar os altos niveis de profesionalidade existentes, introducindo, ademais, ás Novas Tecnoloxías plenamente na política universitaria.

“E un blog persoal, que non está realizado por ningunha empresa, pero tamén reflexo do noso proxecto dunha Universidade que confía en sí mesma, nos seus propios recursos humáns, pero que tamén conta e contará co seu entorno”. En concreto, Cabeza criticou o feito de que o equipo reitoral saínte da Universidade de Vigo “encargase un novo logo para a Universidade, moi caro para os tempos que estamos a sufrir e, por enriba, realizado por unha empresa que non é galega”.

A partires do proxecto posto en marcha e presentado xa en Pontevedra, Jaime Cabeza e a súa agrupación dispoñen dunha ferramenta que estará constantemente actualizada e na que se poderá seguir a evolución do proxecto de Nova Universidade de cara as vindeiras eleccións do mes de maio.

Gabinete de Comunicación “Nova Universidade”