Mostrando entradas con la etiqueta Os meus discursos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Os meus discursos. Mostrar todas las entradas

martes, 18 de mayo de 2010

CARTA DE FIN DE CAMPAÑA

Prezad@s compañeir@s:

Chego esgotado ao final de campaña. Foron  moitos días de conversas, de escoita, de proposta, de traballo. En fin, de construírmos Universidade. Antes que nada, meu pensamento está no meu rival, Salustiano Mato. No último día, unha aperta fraternal. Somos membros dunha mesma comunidade. E queremos o mellor para a nosa institución. Mais que enxerguermos desde ópticas diversas as prioridades.

Dito isto, pido o voso voto para Nova Universidade. Non é tempo de lembrar a nosa oferta programática, ben visible e dabondo coñecida. Pero si de pór énfase nas nosas preocupacións fundamentais. Quero deixarlle ao vindeiro goberno, no 2014, unha Universidade máis comprometida coas súas persoas. Unha Universidade na que as carreiras profesionais, de PDI e de PAS, existan. Na que os cadros de persoal dean resposta aos retos que ten esta institución. E na que exista un mapa de titulacións, de grao e posgrao, complementarios os uns dos outros e que garantan a profesionalidade e a mellora continua das carreiras profesionais das nosas egresadas e egresados.

Quero unha Universidade europea e aberta ao mundo. Galega, por riba doutras consideracións. Que participe solidariamente do sistema universitario galego en comuñón cos nosos irmáns e irmás de Compostela e da Coruña. Aposto por unha Universidade pública, que crea nas súas propias posibilidades e que confíe na súa propia xente. Que non percure fóra o que xa ten dentro. Enraigañada na nosa contorna, xunto cos actores socioempresariais, públicos e privados, co mundo da cultura, da comunicación e do deporte. Arelo unha Universidade responsable nas súas políticas sociais corporativas. Responsable tamén medioambientalmente.

E quero unha Universidade aberta, democrática e participativa, escola de democracia e de participación. Berce de cidadáns e cidadás comprometidos coa defensa radical dos dereitos fundamentais. En particular, da liberdade de expresión e pensamento. E na que defendamos a igualdade por mor de sexo-xénero, para que quizáis nosos bisnetos poidan enxergar unha sociedade igualitaria. Igualitaria tamén coas minorías, coas persoas discapacitadas e coas xentes económicamente desfavorecidas.

Pido o voso voto, en suma, para dirixir a Universidade estes catro anos decisivos. Para superar os nosos retos e as nosas debilidades, tan recoñecidas unánimemente en todos os indicadores públicos. Desde a humildade, non desde a autocomplacencia. Pero con ambición no noso futuro. Quero mandar unha mensaxe portadora de esperanza, porque o futuro é noso. Da xente que traballa, moitas veces no máis absoluto desleixo e falto do recoñecemento e agarimo por parte da súa propia institución.

Porque, toda a nosa xente paga a pena, vota, con +KBZA.

Por unha Nova Universidade.


Grazas pola vosa confianza. Estou certo de que as urnas se inzarán de votos de cambio.


Jaime Cabeza

miércoles, 21 de abril de 2010

viernes, 16 de abril de 2010

NOVA UNIVERSIDADE SATISFEITA CO DEBATE SOBRE PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS (PAS)


 NOTA A MEDIOS


Nova Universidade amosa a súa satisfación polo debate do seu líder Jaime Cabeza fronte ó seu adversario Salustiano Mato. Nos sete puntos abordados na sesión de hoxe sobre persoal de administración e servizos, Cabeza aportou documentación gráfica e cifras concretas sobre o seu proxecto de goberno.

O candidato pola formación Nova Universidade sinalou entre outros aspectos as diferenzas nas tres universidades galegas en eidos coma xerencia, gasto en persoal ou mesmo o escaso nivel de estabilidade laboral do persoal da UVigo.

Cabeza aportou ideas moi exactas das súas pretensións para os PAS coma actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT), garantir unha carreira administrativa ou abrir a mesa xeral de negociación para igualar condicións de traballo.  No canto Mato expresouse con vaguedades e renunciou no seu discurso á defensa das políticas do seu equipo, Alternativa Universitaria, desligándose dos 12 anos de Goberno deste grupo.

Durante o acto Cabeza recordou á persoa que levará de xerenta, Rocío Frutos, que se atopaba na sala.

Por outra banda, Nova Universidade salienta o respecto escrupuloso do seu candidato os tempos de exposición fronte o exceso de Mato, que tivo que ser cortado reiteradamente polo moderador por alongarse en case tódolos turnos.

miércoles, 2 de diciembre de 2009

ACTO OFICIAL DE PROCLAMACIÓN DE CANDIDATURA (DISCURSO)



Compañeiros/as da Universidade, representantes dos medios de comunicación, amigos, especialmente os que viñéchedes de Ourense e Pontevedra:

Convoqueivos hoxe aquí porque vos quero manifestar a decisión de Nova Universidade, reunida onte mesmo en Asamblea, de ser eu o candidato a REITOR, da Universidade de Vigo nas vindeiras eleccións. Estamos nunha Sala que me trae gratas lembranzas, na que hai nove anos obtiven a miña cátedra.

Motivos para presentar unha candidatura:

Percibo arelas de cambio. Arelas de cambio que fun percibindo durante os últimos meses, desde que inicie a miña andaina como líder de Nova Universidade. Quero agradecer os apoios que estou a recibir, tanto desde a formación que represento, Nova Universidade (e aclárovos que nós non tivemos ningún problema nin liortas internas para tomar ésta ou moitas outras das decisións no noso grupo), como o apoio que estou a recibir por parte de distintos membros, equipos e centros da comunidade universitária que me transmiten a necesidade dun cambio na Universidade de Vigo, despóis de 12 anos gobernando os mesmos que ainda se chaman “Alternativa”. Do mesmo xeito que recibo moitos ánimos por parte de representantes políticos, sociais, empresarias e sindicais de distintos tipo que, por certo, todos coinciden en sinalarme que durante os últimos anos a Universidade de Vigo viviu a costas da sociedade, da sociedade viguesa, ourensana e pontevedresa, practicando unha pésima política de relacións institucionais que, entre outras cousas, fixo que a Universidade de Vigo sexa a terceira de España que menos alumnos de fora atrae, perdendo moito do peso específico que em tempos acadara en tempos, dentro do conxunto do Estado.
Grazas a todos porque sodes vos, as persoas, o principal motivo que me leva a iniciar este ilusionante camiño. O camiño dunha Nova Universidade para unha Universidade Nova, pero que comenza a arrastrar vicios máis propios do pasado que do presente.
Un presente dominado por políticas sectarias que alentaron a división o malestar –que era de dominio público e xa trascendeu á sociedade- e o enfrontamento entre a comunidade universitaria, no cando da unión, provocando un gran deterioro nas relacións non só académicas, senon tamén humanas, no seo da Universidade de Vigo.

Porque durante os últimos anos conculcáronse moitos dereitos dos nosos traballadores, que amosan, como decía, un fondo malestar.

Malestar entre os alumnos decepcionados e aos que nadie lles explicou en que consiste esto de Boloña. Hoxe, que entrou en vigor o Tratado de Lisboa, cómpre insistir no poco traballo que se fixo, pedagóxico e de discusión.

Uns alumnos aos que cando lles preguntan a súa opinión sobre o equipo reitoral saínte, a única responsable a que valoran positivamente é (e permitídeme o sonriso), é a vicerreitora de Estudantes, o cal vos podo asegurar que me alegra enormemente.

Malestar entre o Persoal de Administración e Servizos, que observa nos conflitos máis recentes referidos á Oferta de Emprego Público ou á multiplicación excesiva do equipo xerencial con xente de fora, con salarios que provocaron unha fonda alarma social.

Un equipo reitoral debe poñerse ao servizo da comunidade, e non a comunidade ao servizo dos intereses de ningún equipo reitoral. Na Universidade de Vigo non pode haber máis xenerais que tropa, con responsables de máis oficiñas que letras ten o abecedario. Cargos e máis cargos, cando a promesa era diminuír o número de xefaturas de área.





Malestar entre o Persoal Docente, aos que se lles conxugan sempre tres substantivos; desprofesionalización, burocratización, improvisación.

Malestar entre os nosos investigadores, pargas Pondais basicamente, aos que tamén lles prometeron cousas ben distintas das que agora se atopan, ao verse na rúa e sin traballo.

Malestar de alumnado, de PAS e de profesorado, como indica o recente informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, no que se sinala que a Universidade de Vigo posúe o nivel máis baixo de funcionarización e de persoal estable das tres Universidades Galegas. Unha Universidade que aforra en persoal pero, polo que se ve, non escatima en gastos, cando se trata dalguns cargos e persoal de confianza do equipo reitoral saínte.

Gastos para os que xa non vai haber máis cartos, como acontece con moitas das obras proxectadas ou ainda pendientes de execución. Obras coma a do CUVI (que algúns comparan xá co monte Gaiás, a cidade da Cultura de Santiago e mesmo cabería comparar coas obras daquel alcalde dun Concello perto de Santiago, que presumía de ser o rei do hormigón, porque a súa vila xa non se andaba en socos nin sapatos, senón en sapatillas), obras como as que levan moitos anos anunciándose no campus de Pontevedra e que aínda non pasaron do papel, ou obras como as do campus de Ourense que, si saen adiante, será grazas ao decidido apoio de varias institucións públicas.

Pero deixemos o pasado, queridos amigos, e falemos de futuro, da necesidade de REMATAR A UNIVERSIDADE DAS OBRAS, (porque algúns parece que ainda non se decataron de que estamos en crisis), E COMENZAR A CONSTRUIRMOS A UNIVERSIDADE DAS PERSOAS, das persoas que serán, que seredes, as principais protagonistas e o principal activo deste proxecto, do CAPITAL HUMANO, verdadeiro motor e alicerce do desenvolvemento presente e futuro da nosa Universidade. PERSOAS CON DEREITOS QUE DEFENDEREI CON TODAS A MIÑA ENERXÍA. PALABRA DE JAIME CABEZA, PALABRA DO PROFESOR DE DEREITO DO TRABALLO QUE ESTADES A ESCOITAR.

A Universidade de Vigo non pode sacrificar máis tempo e enerxías en enfrontamentos no seo da comunidade universitaria. Temos o mellor capital humano e non podemos desperdicialo en liortas estériles, en alimentar máis conflictos internos entre campus, entre centros e entre titulacións.
Quero que saibades, xa dende hoxe, que niste barco caben todos, que eiquí non están os de Vigo fronte os de Ourense ou Pontevedra, que eiquí non están os catedráticos máis antigos e con máis sexenios fronte os novos investigadores ou docentes de menos rango, que non están os de ciencias fronte os de letras nin os dun partido político fronte os de outro. Aquí estamos todos e todas e traballaremos con todos e todas, porque o noso proxecto é de todos, con todos e para todos.
Mirade: se algo aprendín cando a mín me tocou mediar en conflictos coma o do metal en Vigo, foi que o DIÁLOGO e a NEGOCIACIÓN, sen exclusións nin imposicións, son a base para a procura de calquera posibilidade de entendemento. E a Universidade de Vigo no pode ser una excepción na procura da paz social. Na Universidade de Vigo debemos predicar co exemplo. Co exemplo que constitúa a base da nosa esencia, a base da humildade científica e o relativismo, fronte as verdades absolutas e o pensamento único.

Mirade: detrás de todos os avances, detrás de cada éxito dunha investigación, o que hay son persoas antes que máquinas. Porque o progreso, antes que tecnolóxico, é humano. E a calidade na vosa producción científica tamén é a calidade nas condicións de traballo e de vida dos nosos docentes e investigadores, o voso benestar. Porque un home ou muller máis feliz na Universidade de Vigo, tamén seá un home e muller máis productivo. E iso pasa, por exemplo, por non ter que esperar doce anos a que os vosos cativos se gradúen para poder dispoñer dun servizo de gardería.

E falando de persoas, quero que saibades que xa temos un grupo de xente que me acompañará no meu camiño durante o proceso electoral, do comité de campaña co que xa levo varios meses traballando a reo e mantendo unha serie de reunións periódicas, tanto presenciais, como por videoconferencia, dende os tres campus. Un equipo que combina experiencia con renovación, con xente nova que aporta moita frescura, moito traballo e moita ilusión.

E remato xa:
con todos eles, con todos vos, seguimos a traballar pola esperanza do cambio.

O cambio na Universidade de Vigo no ano 2010, no ano que, exactamente, comenzará dentro dun mes.



Amigos: convídovos dende hoxe a iniciar o camiño hacia unha universidade máis boa e xenerosa con todos e todas; polo noso propio ben, e polo ben da nosa terra.

Grazas a todos pola vosa presencia e quedo a disposición dos representantes medios de comunicación para calquer cuestión que queiran plantexar.

miércoles, 21 de octubre de 2009

CARTA PARA A COMUNIDADE UNIVERSITARIA

“A todas as persoas que compoñen a comunidade universitaria da Universidade de Vigo:

Quixera, nunhas breves liñas, presentarme ante vós e amosar os motivos que me levaron a postularme como líder dunha corrente de opinión que ten arelas de cambio nesta Universidade e, probablemente, como candidato a Reitor.

O primeiro deses motivos, sen dúbida, é que hai un grupo de persoas: "Nova Universidade", que alenta, que alentamos, xustamente esa arela conxugándoa colectivamente nun proxecto definido; un grupo de persoas que confiou en min o exercicio dese liderado. E se a elas e eles todos agradézolles esa confianza fondamente, comprométeme aínda máis o percibir inequivocamente no corpo desta universidade sentimentos e movementos sinérxicos co noso na demanda dun cambio.

Eu son Xaime -ou Jaime, tanto ten, que me chamo con xeito- Cabeza, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Un Dereito do Traballo, con maiúsculas, que tamén reivindico para o persoal da Universidade de Vigo.

Formo parte dunha xeración que comezou a súa andaina académica nos anos de xurdimento da Universidade de Vigo -arredor do ano 1990- e que hai pouco que entrou na década dos corenta anos, no meu caso, 42. Nestas coordenadas temporais, xulgo que asistimos ao crecemento da nosa institución e que coñecemos dabondo as súas fortalezas e as súas eivas.

Máis aló destes pequenos datos, non quero falar de min, senón daquel colectivo e do seu proxecto.

O colectivo é "Nova Universidade", porque entendo que nel se concreta xa unha corrente integradora e transversal que urxe xerar; unha corrente na que caibamos todas as persoas que enxergamos con ollada crítica unha situación que, como pouco, hai que definir como moi mellorable; que conciba o goberno da Universidade como un exercicio colexiado de co-responsabilidade; que renda contas perante toda a comunidade académica e á sociedade, que, con humildade, aspire, tal como nós aspiramos, a rexer a nosa institución ao servizo do alumnado, do persoal docente e investigador, do de administración e servizos.

Desde esa opción, no noso proxecto a Universidade de Vigo ten que ser unha universidade das persoas, na que as carreiras profesionais se consideren, respecten e fomenten para que cada quen de nós poida progresar na súa vida profesional. Na que se protexa aos grupos máis vulnerables e se defendan radicalmente os dereitos fundamentais, ao tempo que se procure a excelencia académica e científica. Na que os alumnos e alumnas vivan, nunha escola de democracia, igualdade e participación, unha aprendizaxe integral e xenuinamente libre. Unha Universidade de Vigo con máis e mellor proxección institucional e que sexa partícipe activa dos acontecementos sociais e culturais que se desenvolven na súa área xeográfica.

A nosa institución ten que contar así cun proxecto estratéxico real que sexa guieiro das políticas concretas. Mais, cantos esforzos se deixaron de pór nese camiño! Hai que proxectar seguridade e rigor nunha conxuntura de cambio. As políticas máis estratéxicas non se improvisan nin se impoñen, hainas que reflexionar e discutir colectivamente nos espazos de debate máis amplos e representativos. Sen mirar cara atrás, pero desde logo co necesario sentido crítico, pregúntome, como tantas outras persoas: que foi daquela Universidade "democrática e participativa, plural e integradora" á que apelaba o reitor Docampo? Abofé que os seus epígonos non souberon dar conta dela, tan ocupados como están nas súas liortas internas de poder e alentando, no canto da unión, o enfrontamento e a división entre a comunidade universitaria.

Desde a humildade -cómpre insistir- dun colectivo, "Nova Universidade", que se amosa como aberto, tolerante, plural e integrador, cremos pois que ese proxecto común seriamente enraizado na nosa realidade é posible sen sectarismos, exclusións, opacidades nin tampouco faltas de democracia interna, para que, deste xeito, o noso futuro se deseñe participativamente.

Persoalmente teño a vontade, de cara á inmediata definición polo miúdo da nosa alternativa programática de renovación, de recoller opinións e conversar con todos os colectivos. Asumo así como primeiro compromiso o de estar preto de vós e falar co maior número de persoas: PDI, PAS, alumnas e alumnos. E, para alén de pórme desde xa agora mesmo á vosa disposición no trato directo, posto que a tecnoloxía nos ofrece novas formas de comunicación que melloran as nosas posibilidades, espero con interese os vosos comentarios, suxestións ou consideracións a través do meu blog: http://www.jaimecabeza.com.

Comparezo cunha dose de ilusión grande porque teño a seguridade de que a nosa mensaxe de cambio, no fondo e mais nas formas, será portadora de esperanza: esa virtude que tanto anhelamos hai xa bastante tempo, pois pouco queda daquel legado do que algúns outrora se gababan.

Por iso precisamos dunha auténtica alternativa, do respaldo a "Nova Universidade" para unha universidade tan nova como é a nosa, e a un candidato a reitor de todas e todos, para todas e todos.

Á vosa disposición: Xaime Cabeza.