miércoles, 23 de diciembre de 2009

OS ORZAMENTOS PARA 2010. preguntas "naive"

O malo dos orzamentos é que radiografían en positivo e en negativo as liñas e estratexias dunha institución. As louvanzas ou as críticas que expresemos os que non somos técnicos na materia encamíñanse ao significado de que haxa ou non determinadas partidas ou de que dotación consten.
Parte dos orzamentos son maquillaxe. Básicamente os que se refiren a política social. Por que no 2010 hai dotación para plan de igualdade ou garderías? Non eran prioridades para o 2009 ou para os anos anteriores? Parabéns de que aparezan. Mágoa que non apareceran antes. Benvidos ás políticas de benestar!
Que pasa con investimentos en consolidación ou captación de profesorado? A mensaxe que se lles lanza aos Pargas Pondais é obvia. Vai haber plan transitorio de estabilización? Non. Vai haber consolidación dabondo? Non. Vai haber esperanza para eles? Con Alternativa Universitaria gobernando, sen dúbida non.
Que pasa con áreas de coñecemento, grupos e centros desenvolvidos? Algún plan de acción positiva? Non. Algunha liña que permita albiscar equilibrios? Non. Que pechen os seus proxectos!, esa é a mensaxe. E logo alguén lles vai demandar que sexan competitivos? Que percuren autofinanzamento?
As pasarelas e demáis investimentos suntuarios do campus de Lagoas-Marcosende, son tan estratéxicos nun ano de crise? Hai compromisos de pagamento ineludibles? Cantas toneladas de cemento nos van sulagar?
E, polo de agora, por que crece o remanente? É que a Universidade non ten capacidade de execución do seu orzamento? É desexábel que creza ano tras ano?

lunes, 21 de diciembre de 2009

Repercursión da postal de Nadal

A xornaslista do Faro de Vigo, Sandra Penelas, recolle na información o envío de postais de felicitación que ten feito Nova Universidade con motivo destas datas tan especiais.

miércoles, 16 de diciembre de 2009

LA CHASCONA

Hoxe visitei La Chascona, o fogar de Pablo Neruda en Santiago de Chile. No barrio de Bellavista e ao pé do outeiro de San Cristóbal emerxe, incribel, a casa do Poeta. Xa á entrada, os "Versos del Capitán", pero tamén pasaxes de "Confieso que he Vivido", sulagan ao visitante nas súas metáforas cósmicas. Trinta e seis anos logo da súa morte, a súa escrita aínda produce os calofríos propios dos sentimentos máis actuais e expresados pola súa caneta maxistral.
Quizáis non son anos para amosar a admiración por quen lle deu á literatura española contemporánea as súas liñas máis fermosas. Pero os que sentimos coa súa lectura a máis fonda emoción non podemos senón gardar un silencio reverente diante das súas cousas e da súa lembranza. A lembranza de quen nos fixo pasar devagar os ollos por cada un dos seus versos e memorizalos aínda sen pretendelo.

viuvez, rito xitano e discriminación racial

A semana pasada o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditou unha sentenza de moitísimo relevo, revogando na práctica unha sentenza do Tribunal Constitucional español. O tema salientouse nos xornais: unha muller xitana que casara unicamente polo rito xitano e que non lle dera eficacia civil ao matrimonio por outro rito recoñecido no Dereito español. Hai anos morreu seu home, co que mantivera unha alongada convivenza marital e tivera fillos. Pero o INSS denegoulle a pensión de viuvez polo feito de non estaren casados. Recorrida a denegación en vía xudicial, mais que se lle recoñeceu a prestación no Xulgado do Social, logo do recurso da entidade xestora se lle denegou de novo. E, instado o amparo constitucional, o Tribunal Constitucional español rexeitouno en 2007. Con argumentos formalmente claros: xa que non houbo matrimonio con eficacia civil, non cómpre recoñecer dereitos prestacionais. A parella podía casar dándolle efectos civís á unión, pero non o fixo.
A muller, teimosa, recorriu ao Tribunal de Estrasburgo. E obtén unha sentenza favorábel. Tiña dereito á pensión e o non recoñecemento da mesma constitúe unha violación do Convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950. Constitúe unha discriminación racial.
A sentenza do Tribunal Europeo é xusta e xurídicamente ben argumentada: é certo que as persoas xitanas podían casar por outro rito para que o seu casamento tivese eficacia civil. E é certo que as parellas novas hoxendía casan por outro rito ademáis do tradicional xitano. Pero iso non foi así sempre. Cómpre lembrar que ata 1981 non existiu matrimonio civil en España e ata máis tarde as persoas desta etnia non adoitaron complementar o seu matrimonio polas reglas do Código Civil. O que implica que hai moitas parellas xitanas casadas unicamente por un rito que carece de efectos civís. Xa que logo, a xurisprudenza ditada polo Tribunal Constitucional español na práctica implicaba que moitos viuvos -e máis viuvas- quedaban sen as cadansúas pensións polo feito de viviren nunha cultura diferenciada. O que implica, desde logo, unha discriminación indirecta por mor de raza: causábase un perxuízo evidente ás persoas xitanas.
Benvido sexa, pois, este pronunciamento do Tribunal de Estrasburgo. As persoas xitanas están de noraboa e tamén, desde logo, as persoas que soñan cunha sociedade máis xusta e igualitaria.